
O Concello de Monforte de Lemos formalizou a adquisición do edificio coñecido como Sargadelos, situado no número 2 da Praza de España e contiguo á Casa da Cultura Lois Pereiro. A decisión quedou aprobada na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada o pasado luns, 17 de novembro, que deu luz verde definitiva á compra do inmoble por un importe de 300.000 euros. Unha vez completado o proceso, o edificio pasa a ser de titularidade municipal e integrarase no inventario de bens do Concello de Monforte.
A construción forma parte do ámbito do Conxunto Histórico-Artístico da cidade, declarado Ben de Interese Cultural, polo que o seu uso futuro deberá axustarse ás determinacións do Plan Especial de Protección en vigor desde o ano 2021. Trátase dun inmoble construido entre medianeiras, levantado en 1974, composto de baixo e tres alturas e con acceso directo desde a propia praza. O edificio, segundo a información municipal, mantén un bo estado de conservación.
O inmoble suma 402 metros cadrados construídos, distribuídos en 106 metros cadrados na planta baixa, 100 na primeira e 98 tanto na segunda coma na terceira. O seu último uso vinculábase á actividade comercial e ás oficinas da antiga titular, Sargadelos.
O alcalde, José Tomé Roca, explicou que o destino definitivo do espazo aínda non está pechado, aínda que avanzou que a nova propiedade municipal permitirá ampliar recursos nunha zona céntrica da cidade. Segundo indicou, “o destino está por definir con exactitude, pero case seguro que contribuirá a reforzar as dotacións culturais do Concello de Monforte”. O executivo local sinala que a compra abre a porta a novas posibilidades de dinamización dentro do casco histórico.•



