
Fotos GPPP.
Os senadores do PP por Lugo presentarán na Comisión de Transporte e Mobilidade Sostíbel unha moción coa que pretenden que o Goberno central acondicione inmobles públicos en desuso para destinalos ao alugueiro a prezos asumibles. A iniciativa pon o foco nas propiedades de Adif na provincia, que suman 158 bens, dos que cen están baleiros e en distintos estados de conservación. Parte deles sitúanse en Monforte, onde a proposta foi anunciada xunto a cargos da formación local.
O senador Juan Serrano subliñou que “estas propiedades, unha vez acondicionadas, poderían destinarse a satisfacer a demanda de vivenda a prezos accesibles”, e apuntou que tamén servirían para favorecer a fixación de poboación. Expuxo que “con pouco investimento poderían poñerse en valor instalacións abandonadas e ofrecer oportunidades a xente nova ou emprendedora”.
A portavoz popular en Monforte, Katy Varela, lembrou que “a vivenda é un dos problemas que ten a xente nova” e destacou que na cidade existe un edificio de Adif con tres pisos sen uso, que poderían incorporarse ao parque público tras a súa reforma.
Os populares sosteñen que o déficit de vivenda afecta ao conxunto do Estado e citan estimacións que sitúan entre 120.000 e 150.000 as novas unidades necesarias cada ano para atender a demanda. Tamén indican que a falta de oferta presiona os prezos e atribúen parte das tensións ás políticas estatais.
O PP espera obter o respaldo doutros grupos para avanzar na recuperación destes inmobles e incrementar a dispoñibilidade de alugueiro accesible.•



