
Foto VENDAVAL.
O Vendaval continúa a consolidarse na Ribeira Sacra como un espazo de encontro arredor do cinema portugués e das conexións culturais que unen Galicia e o país veciño. A programación de outono, que se desenvolve estes días en varios puntos da comarca, mantén o obxectivo de divulgar obras de autor e de achegar ao público a realidade artística que comparten ambos territorios. O proxecto, con sede na Casa da Memoria de Bóveda, artéllase tamén mediante colaboracións con outros centros culturais da contorna.
O pasado mércores ofrecíase unha sesión dedicada a “Cinema e Gastronomía”, coa proxección de Percebes, das directoras portuguesas Alexandra Ramires e Laura Gonçalves. O público participou nunha degustación inspirada na cociña atlántica, composta por tres viños e diferentes petiscos nunha proposta que pretendía “viaxar sensorialmente da rexión lusa a Galicia”.
A programación continuou o día 22 cunha xornada centrada na relación entre cinema e debuxo. A Casa da Cultura “Olga Novo”, da Pobra do Brollón, acolleu varias curtametraxes e longametraxes, entre elas O Homem de Trás-os-Montes, Longe da Amazónia, Anjo e Kora. Tamén houbo un obradoiro guiado polas artistas DoaOa e Maz, orientado á expresión narrativa a través do debuxo.
O ciclo pechouse o domingo 23 coa proxección de Ariel, de Lois Patiño, en Pantón, completando unha proposta que busca afondar na identidade compartida entre as dúas beiras da fronteira.•



