
Este martes, 25 de novembro, o Concello de Sarria conmemorou o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller cunha declaración institucional que reitera a repulsa a todas as formas de violencia machista e a defensa dun futuro en igualdade. No texto, sublíñase que “as vítimas non son cifras”, senón vidas truncadas por unha realidade estrutural que persiste na sociedade. O documento condena cada agresión e tamén “a quen nega ou minimiza esta realidade, porque negar a violencia de xénero é contribuír á súa persistencia”. O concello de Sarria lembra que as institucións públicas teñen a responsabilidade de acompañar, protexer e educar para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria. Este ano, Sarria súmase ao lema “Sementa, florece e plántate contra a VX”, que simboliza educar na igualdade, favorecer o apoderamento das mulleres e actuar con firmeza contra esta lacra.
A declaración conclúe lembrando ás que xa non están, apoiando ás que sofren e comprometéndose a seguir loitando día a día por unha Sarria libre de violencia de xénero.•



