
Foto CPDB.
Os viños de Amandi, na Ribeira Sacra, pasarán á historia pola súa colleita 2025, considerada a máis cálida desde que existen datos. Segundo os rexistros da adega Don Bernardino, a ausencia de fortes xeadas no inverno e unhas mínimas elevadas aceleraron a brotación, que se adiantou varias semanas. As primeiras uvas enveraron xa o 28 de xuño, nun contexto de temperaturas un 5% superiores á media nos tres primeiros trimestres do ano. A falta de choiva foi outro factor determinante: entre xullo e setembro apenas se concentrou o 4% das precipitacións anuais, cando o habitual é arredor do 15%. Esta situación xerou consecuencias diversas: alta presión de mildiu nas zonas máis húmidas, perda de colleita, regas forzadas en viñedos novos e tratamentos fitosanitarios concentrados en maio e xuño. A maduración irregular e o estrés hídrico afectaron ás cepas con raíces pouco desenvolvidas, chegando a provocar mortes e uvas pasificadas. Os controis de maduración revelaron grandes diferenzas entre parcelas e pH extremos nos mostos. Amandi, pola súa orientación sur, é a zona máis cálida da denominación, condición que favorece tintos de longa evolución en botella. Os datos apuntan a un futuro aínda máis cálido, acelerando os ciclos naturais e facendo máis heroica esta viticultura.•



