
Este domingo, a Casa da Cultura “Olga Novo” acolle ás o espectáculo As aventuras de Nabiza Girl: O estraño caso da cultura minguante, protagonizado por Isabel Risco. A actriz recupera a súa heroína máis popular para afrontar, con humor e retranca, a loita contra a desaparición da cultura galega, nunha proposta que contará coa colaboración de Alberte Bello no papel de Don Galizo. Con esta función ábrese oficialmente a programación de Nadal do Concello da Pobra do Brollón.
A oferta cultural comeza xa o sábado 20 en Parada dos Montes, onde Vero Rilo e Atenea García presentarán Bailen as vellas, espectáculo de narración oral organizado pola asociación veciñal, ás 18.30 horas.
O día 26 será a quenda do público infantil co Consertasso na horta, de Brais das Hortas, ás 17.30 na Casa da Cultura, unha proposta musical chea de humor e personaxes sorprendentes. O sábado 27, desde as 17.00, o coro e alumnado da Escola Municipal de Música levarán as Panxoliñas polas Parroquias a Saa, Piño e Canedo. O domingo 28, tamén na Casa da Cultura, celebrarase o concerto de Peitoescuro, precedido polo Mercado Circular de Nadal desde as 16.00, con doce postos de produto local e artesanía.
A programación inclúe ademais a festa de Fin de Ano, na noite do 31, con baile amenizado polo Dúo Eclipse, e a presentación da novela 1140 de María José Tardaguila, o 2 de xaneiro ás 20.00. O ciclo pechará o 5 de xaneiro coa tradicional cabalgata dos Reis Magos, que percorrerá as rúas desde as 17.00 e rematará na Casa da Cultura coa entrega de agasallos. A Biblioteca Municipal organiza obradoiros para nenos entre o 22 e o 30 de decembro e o 2 de xaneiro.•



