
Por Mateo L. Veiga
Penetrar no universo fotográfico de Anna Leibovitz supón un auténtico desafío para calquera espectador crítico. Considerada unha das grandes expoñentes da fotografía contemporánea, a artista estadounidense aterrou en España para presentar Wonderland, a gran retrospectiva da súa traxectoria, organizada por The Mop Foundation no Muelle de Batería da Coruña. Con todo, esta sucinta introdución non está á altura do excelso percorrido visual no que nos mergulla a mostra.
Wonderland consta de catro seccións diferenciadas que nunca se presentaron xuntas nunha única exposición, que arrinca cunha instalación inmersiva do traballo de Annie Leibovitz cos Rolling Stones. En 1975, Mick Jagger pediulle a Annie que documentase a xira da lendaria banda, e durante os dous meses que se prolongou a súa estancia coa formación, a fotógrafa construíu unha diégesis costumista ao redor da rutina irreverente e desarranxada da vida rockstar, reconvertida nunha mirada presente absolutamente nostálxica da mocidade e o apoxeo dos referentes que sintonizaron o imaxinario musical de varias xeracións.
Á naturalidade espontánea das fotografías dos Rolling Stones sucédea o talento compositivo que presenta Annie Leibovitz para elaborar conceptos complexos e pormenorizados, proxectado nas seccións Early Years e Stream of Consciousness. Ambos os espazos reflicten a evolución dos códigos estilísticos da fotógrafa, e enxaltan a idiosincrasia da súa voz narrativa, suxestiva e poderosamente expresiva, a través de célebres retratos a escritores, intérpretes e artistas visuais emblemáticos, xunto con imaxes de paisaxes, interiores e obxectos.
Para finalizar, a última sección que otorga o título á exposición, Wonderland, presenta máis de 100 impresións e instalacións de vídeo sobre os seus traballos no mundo da moda, que nunca soubo encaixar na identidade da súa fotografía ata que comprendeu que formaban parte de algo superior, dun todo vinculado a súa prolífera visión creativa. Desde as súas primeiras reportaxes para Vogue, que bebían dos contos de fadas que lía ás súas fillas, Annie foi construíndo un elevado universo fotográfico conformado por algunhas das imaxes de moda máis icónicas de todos os tempos.



