
Un total de 56.904 persoas percorreron este ano a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns que opera a Deputación de Lugo entre marzo e esta pasada fin de semana, nunha temporada condicionada pola peor vaga de incendios de Galicia do último século. “Temos unha cifra sólida de usuarios ano tras ano, o que demostra a forte atracción turística desta proposta e do traballo serio e comprometido da Deputación”, valorou a deputada Pilar García Porto.
A travesía do Canón do Sil, con saída de Ponte do Sil en Monforte, rexistrou 43.495 viaxeiros, mentres que a do Cabo do Mundo, desde Santo Estevo en Belesar, contou con 13.409 persoas.
O 30% dos visitantes proceden do estranxeiro, principalmente de Francia, Alemaña e Portugal. Durante a Ponte da Constitución realizaron estas rutas 683 persoas, 575 na de Ponte do Sil e 108 na de Belesar, reforzando o servizo con máis frecuencia de navegacións. •



