
O Concello de Chantada rematou o acondicionamento da contorna da igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, declarada Ben de Interese Cultural en 2018. As obras contaron cunha subvención da Consellería de Cultura a través da Axencia de Turismo de Galicia, cun orzamento total de 53.000 euros, dos que o concello aportou 20.000. Durante a intervención realizáronse labores de limpeza do enlousado diante do templo, aplicación de formigón coloreado cunha estrutura de barrido e separación de materiais para preservar os lousados existentes. Ademais, soterráronse as liñas eléctricas aéreas. Tamén controis arqueolóxicos co obxectivo de protexer os elementos patrimoniais do templo. A edificación románica, cunha fachada do século XVIII, conta cunha soa nave con arco triunfal e destaca polas súas pinturas murais de tradición gótica con elementos renacentistas, que inclúen escenas do Xuízo Final, a Paixón de Cristo, a Anunciación e a Coroación da Virxe. O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, salientou que se completou a obra civil e que se está coordinando a conexión das novas acometidas eléctricas para retirar os postes existentes, continuando co mantemento das infraestruturas vinculadas ao patrimonio local.•



