Concedida a autorización ambiental á planta de combustibles recuperados que Votorantim proxecta en Sarria

A instalación de Votorantim Cementos España prevé transformar 160.000 toneladas anuais de residuos en combustibles sólidos recuperados, destinados á súa fábrica no Oural. Foto VCE.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade vén de outorgar a Autorización Ambiental Integrada (AAI) á empresa Votorantim Cementos España para construír unha nave destinada á produción de combustibles sólidos recuperados (CSR) no concello de Sarria. A resolución permite continuar a tramitación administrativa dun proxecto sometido a avaliación ambiental conxunta, que incluíu a declaración de impacto ambiental (DIA) e a propia AAI.
Segundo informou a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a DIA favorable foi emitida a comezos de agosto, condicionada ao cumprimento estrito do estudo de impacto e do programa de vixilancia ambiental. As consultas realizadas durante a fase de información pública concluíron que a iniciativa non xerará impactos significativos sempre que se respecten as condicións xerais e particulares recollidas nos informes sectoriais. A autorización ambiental non exime á promotora da obtención das licenzas e permisos que marca a normativa para executar e poñer en marcha as instalacións.
O proxecto, denominado Punto CSR, localízase no lugar de Oural, ao sur do municipio, nunha parcela de 215.282 metros cadrados onde xa opera a planta de produción de cementos da compañía. A nova nave ocupará 5.820 metros cadrados e contará cunha zona exterior pavimentada para o tránsito de vehículos. A edificación dividirase en tres áreas principais: a primeira, destinada á recepción e almacenamento do material entrante, incluirá un alimentador principal conectado a unha cinta transportadora; a segunda albergará o triturador primario, un separador magnético para recuperar metais e outro sistema para clasificar os materiais segundo a súa densidade; e a terceira será a zona de almacenamento do CSR listo para expedición.
Cando funcione a pleno rendemento, a planta tratará máis de 160.000 toneladas anuais de residuos industriais e urbanos non reciclables, dos que se obterán arredor de 85.000 toneladas de combustibles sólidos recuperados de distintas calidades. Estes produtos servirán como fonte enerxética para os fornos da fábrica de cemento e para outros usos industriais, reducindo a dependencia de combustibles fósiles e favorecendo a valorización de residuos.
A Xunta subliñou que esta actuación se enmarca na estratexia de economía circular e na aposta por proxectos que contribúan á sustentabilidade e á redución de emisións. “Trátase dunha iniciativa que, ademais de dar unha saída segura a materiais non reciclables, reforza a competitividade da industria galega e xera actividade económica no territorio”, indicaron fontes da Consellería. A planta suporá tamén a creación de emprego vinculado á xestión ambiental e á operación das novas instalacións.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Annie Leibovitz, o poder da visión de conxunto

Seguinte Nova

A Xunta inviste 58.000 euros na mellora de locais sociais en Sarria e comarca

Últimas noticias sobre MEDIO AMBIENTE

Ir aInicio

Don't Miss