Dimisións, manifesto feminista e xestora en Lugo: o PSdeG vive unha das súas semanas máis críticas

O PSdeG-PSOE afronta unha das súas semanas máis delicadas tras coñecerse as denuncias por presunto acoso sexual que derivaron na dimisión de José Tomé como presidente da Deputación de Lugo e na súa suspensión de militancia. Nun contexto de forte impacto político e social, a formación socialista celebrou unha reunión do seu Grupo de Igualdade na sede nacional, convocada pola secretaria de Organización, Lara Méndez, e pola, ata ese momento, responsable de Igualdade, Silvia Fraga, na que se aprobou un manifesto para reforzar as garantías internas e os procedementos fronte a condutas machistas.
Antes dese encontro, Méndez xa avanzara tras a Xunta de Portavoces do Parlamento que as informacións coñecidas “non só producen tristeza, senón repugnancia”, e anunciou un pronunciamento “contundente” por parte do partido. Na reunión do Grupo de Igualdade, as participantes acordaron un documento que reclama máis transparencia, prazos claros, medidas cautelares proporcionadas e canles seguras de denuncia, así como acompañamento psicolóxico e xurídico ás vítimas. O manifesto subliña que os feitos coñecidos “non son episodios illados”, senón expresión de dinámicas de poder arraigadas, e amosa apoio a todas as mulleres que sufran comportamentos machistas, tanto dentro como fóra do partido.
Logo da aprobación do texto, Lara Méndez defendeu que o PSdeG “é o partido que máis avanzou na defensa da igualdade” e lembrou que foi pioneiro na creación dun canal interno antiacoso. Nesa mesma liña, instou ao resto das forzas políticas a dotarse de ferramentas similares que garantan protección efectiva e contornas seguras.
Pero esta unanimidade no partido, non durou moito tempo, a crise política tivo tamén consecuencias orgánicas. A secretaria de Igualdade do PSdeG presentou a súa dimisión por discrepancias coa cúpula dos socialistas galegos no xeito de tratar o escándalo do acoso sexual que salpicou ao presidente da Deputación de Lugo, José Tomé. Cumpre lembrar que Tomé, que negou publicamente os feitos e asegurou que “como acoso sexual, seguro que non”, deixou a Deputación pero mantén a alcaldía de Monforte de Lemos. Pola súa banda, Besteiro recoñeceu que tiña coñecemento indirecto das acusacións desde outubro, explicou que pediu explicacións ao afectado, Tomé Roca —que as negou— e lembrou que a lei esixe denuncia da persoa agraviada para proceder.
Nunha comparecencia tras a Executiva, o líder socialista trasladou “todo o apoio, afecto e solidariedade” ás vítimas e asegurou que, unha vez rexistrada unha denuncia formal esta semana, o partido actuou “en horas, con rapidez e contundencia”. Ademais, anunciou a proposta dunha xestora para a provincia de Lugo, como parte dunha resposta que o PSdeG quere centrar nos feitos e no reforzo dos seus mecanismos internos de igualdade. A día do peche desta información, a xestora xa está constituida, encabezado polo veterano Luis Ángel Lago Lage como presidente.

MANIFESTOS CRÍTICOS
En paralelo, o PSdeG-PSOE afronta unha nova tensión interna pola difusión do manifesto Polo feminismo no PSdeG-PSOE, subscrito por arredor de 170 mulleres socialistas, entre elas a alcaldesa da Coruña, Inés Rey. O texto critica a xestión da denuncia interna por presunto acoso sexual ao ex presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e expresa o apoio explícito á ex secretaria de Igualdade, Silvia Fraga, que deixou o cargo por discrepancias coa dirección.
As asinantes advirten de que “non ten cabida ningunha actuación que ampare ou relativice o acoso sexual e o machismo” e reclaman esclarecer os feitos, protexer ás vítimas e garantir unha resposta “firme, transparente e coherente”. O manifesto recoñece o dano reputacional causado ao partido e expresa “estupor e vergoña” polo sucedido, ao tempo que defende a dimisión de Fraga como “un acto de compromiso feminista” e reclama tolerancia cero fronte a calquera forma de violencia contra as mulleres.
A crise aberta polo caso Tomé non se pechou aínda. Pola contra, destapou unha fractura interna que pon en cuestión a coherencia entre o discurso feminista do PSdeG e a súa resposta cando as acusacións afectan a cargos propios. Ao manifesto inicial sumouse outro texto máis contundente, que reclama responsabilidades políticas e sinala directamente á dirección galega. Figuras históricas do socialistmo galego admiten erros na xestión, mentres a presión medra desde a militancia e se esixen medidas máis claras.
Neste escenario, destaca a proxección de Inés Rey, alcaldesa da Coruña, que se converteu nunha das voces máis firmes en defensa dunha resposta feminista, reforzando o seu perfil interno nun momento de posible debilitamento de Besteiro. A crise chega nun contexto complexo para o PSOE, sen recuperar a Xunta desde 2009, e o desenlace pode marcar tanto o futuro orgánico do socialismo galego como a súa capacidade para reconstruír unha alternativa sólida fronte ao PP.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Monforte acolle a II Calasancio Cup con equipos de Galicia, Asturias, Castilla y León e Portugal

Seguinte Nova

O IES Daviña Rey achega o voluntariado ao alumnado de secundaria e ciclos formativos

Últimas noticias sobre PORTADA

Entrevista a Elías González

Oleiro de profesión na Rectoral de Gundivós, amósanos a importancia de manter vivo o legado dos oficios tradicionais A identidade dunha comunidade
Ir aInicio

Don't Miss