Oleiro de profesión na Rectoral de Gundivós, amósanos a importancia de manter vivo o legado dos oficios tradicionais

A identidade dunha comunidade vén determinada pola súa intrahistoria, polo peso dos costumes, que contribúe directamente á preservación da unicidade dunha comunidade. A tradición, dentro dun sistema presidido pola vacuidade individual e pola cultura da inmediatez, érguese como o sostén fundamental da memoria colectiva, e na supervivencia sistémica do vínculo entre a sociedade e o seu trasfondo, o primeiro axente debe comprometerse a coidar, fomentar e reivindicar a razón de ser que lle outorga sentido á súa personalidade. Desde EnComún Crónica do Sur de Lugo, tivemos a oportunidade de entrevistar a Elías González, oleiro de profesión na Rectoral de Gundivós, que nos amosa a importancia de manter vivo o legado dos oficios tradicionais e as claves para asegurar a súa permanencia futura.
P: A olería é unha arte milenaria que concentra a maxia e o simbolismo da Galicia rural. Como se promove a supervivencia dun proceso que require paciencia e traballo para o seu dominio nun mundo dominado pola inmediatez?
R: Desempeño a miña actividade desde hai 25 anos, e desde que comecei ata agora todo cambiou, e o mesmo poderiamos concluír se facemos unha análise co paso do tempo. A cerámica de Gundivós é unha das máis antigas da Península Ibérica, con sistemas moi ancestrais que se transmiten de xeración en xeración. Os mestres da miña academia eran os oleiros da aldea, e co seu saber e sosiego transmitíronme todos estes coñecementos, é dicir, decidiron aparcar unha vida máis moderna sen renunciar a un futuro, creando o presente que constitúe a Ribeira Sacra. Gundivós é un dos motores de reforma da Ribeira Sacra, e vai ser un dos motores cando se converta en Patrimonio da Humanidade, un feito que hai que tomar con cariño, interese e paciencia para obter resultados a longo prazo.
P: Como oleiro, sentes responsabilidade á hora de fomentar a permanencia da túa actividade nas novas xeracións?
R: Si, de feito, agora estamos vivindo un pouco do presente. É moi doado poñer isto en escena, pero non é doado poder vivir diso. En todos estes anos que te avalan vas recollendo os froitos e mantéñeste no candelero; sería moi difícil comezar agora unha olería tradicional. De feito, teño dous fillos que, non sei se de maneira profesional, pero si de maneira presencial continuarán coa actividade.
P: Gundivós segue a ser un dos portaestandartes da tradición rural da nosa comarca. Ata que punto consideras que é importante preservar a tradición para amanter viva a identidade dunha comarca como pode ser a Ribeira Sacra?
R: Gundivós é o ingrediente perfecto para unha zona, para un destino, e iso é algo que non se inventa agora, son séculos de historia que o avalan. Por esa razón, este tipo de oficios tradicionais, que antigamente tiveron gran repercusión, agora non atravesan unha época boyante no aspecto utilitario, pero si demostran ter un grande interese na xente á hora de representar o ancestral; forman parte do noso patrimonio, por iso se chama patrimonio inmaterial. As inquedanzas da xente radican na orixe das cousas, e esa orixe das cousas, en ocasións, vén dada por unha arte como a olería.
P: Para rematar a entrevista, e orientando a pregunta cara ao futuro, ás veces coméntase que a xente nova perdeu o interese por aprender, e as novas xeracións son as encargadas de coller as rendas deste tipo de oficios tradicionais, que requiren paciencia e sosiego para dominalos. Como ves o futuro a medio e longo prazo da actividade que cultivades na Rectoral de Gundivós?
R: A ver, eu entendo as inquedanzas destas entrevistas interesantes, pero do que hai que vivir é do presente. Penso que o presente está asegurado e que o futuro é incerto. A clave de que unha cerámica persista radica en que alguén poña o seu empeño como profesional e, a partir de aí, lonxe de recibir axudas ou similares, o que se atopa é que xoga nunha liga igual ca outros novos oficios ou traballos con mellor rendemento, polo que se fai máis complicado subsistir. A Rectoral de Gundivós é un proxecto pensado hai 25-30 anos que logra manterse no candelero e que dentro da Ribeira Sacra se vai afianzando como destino turístico. Ao mesmo tempo ca a cultura vitivinícola, tanto a olería como o románico ou o catamarán son elementos que van ter sempre unha historia detrás, e ese trasfondo é o que hai que preservar e tratar do mellor xeito posible, e iso é complicado nun mundo que non fai diferenza entre a cultura da tradición e o rendemento a curto prazo, o rendemento inmediato. Hai máis de 20 anos que renunciei a ese rendemento inmediato e busquei un proxecto a longo prazo, pero para iso teñen que darse unha serie de características ou cualidades da persoa, do modo de vida ou do enfoque vital que teñas. Se tes inquedanzas comerciais, eu tiña as maletas feitas e pechadas, pero á última hora apareceu un proxecto a longo prazo, nun edificio diferente, nunha zona emerxente, e entón pensas nel e decides quedar, asumindo todas as consecuencias. Hoxe en día, o proxecto está afianzado, pero isto non é froito dun día, é moito traballo acumulado e capacidade de sacrificio. É complicado que un proxecto así se puidese iniciar agora, porque se multiplicarían os gastos de mantemento dun edificio como este, que é do século XVIII.•



