O programa inclúe teatro, música, mercado navideño e a tradicional Cabalgata de Reis, cun orzamento de 57.000 euros para a iluminación

Monforte afronta as Festas de Nadal cunha programación pensada para todos os públicos e para dinamizar a cidade. A iluminación ornamental, acesa desde primeiros de decembro, enche 67 rúas con 265 arcos, sete mensaxes de ‘Bo Nadal’ e máis de 1,2 millóns de puntos LED, cun orzamento de 57.000 euros. Entre os elementos máis vistosos destacan a árbore cónica de 20 metros na rúa Cardeal e a figura luminosa de oso panda na Praza de España, ambas con paso interior para fotos e deseñadas para atraer visitantes. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, presentaron un programa con máis de vinte citas: teatro, concertos, certames infantís e propostas para impulsar comercio e hostalería. O Mercado de Nadal celebrarase os días 20 e 21 na Praza de Abastos con 16 postos, obradoiros e espectáculos familiares. Haberá concertos na rúa Cardeal, o Concurso de Beléns, a Mostra de Panxoliñas, recitais líricos e humor con Pepo Suevos. O Apalpador percorrerá as rúas o 24 e o 5 de xaneiro chegarán os Reis Magos coa tradicional Cabalgata, que partirá da estación e rematará na Casa do Concello, cun desfile cheo de cor e fantasía. “Queremos que Monforte viva un Nadal cheo de luz e alegría, e que estas propostas contribúan a dinamizar a cidade”, destacou a concelleira de Cultura do concello de Monforte, Marina Doutón.•



