
O Concello de Monforte e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil formalizaron un acordo que supón unha inversión de 7,9 millóns de euros para avanzar na mellora do saneamento. O convenio, asinado polo Alcalde José Tomé e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, inclúe a construción dun tanque de tormenta no aparcadoiro do Parque dos Condes e dun novo interceptor para canalizar augas residuais. “Unha das preocupacións dende que cheguei á Alcaldía é mellorar o saneamento da cidade”, indicou Tomé, quen lembrou que esta é a terceira fase dun plan iniciado en 2015. O Concello achegará 390.000 euros e a Confederación máis de 7,5 millóns, distribuídos en catro anualidades. “Este convenio é fundamental para eliminar alivios non autorizados e seguir mellorando a calidade das augas do río Cabe, o que supón un avance ambiental decisivo para Monforte”, destacou o rexedor.•





