
O Concello de Monforte de Lemos presentou o novo Bus Rural, un servizo de transporte público e gratuíto que dará cobertura ás 26 parroquias do municipio e que entrará en funcionamento o vindeiro luns, 15 de decembro. A iniciativa permitirá á veciñanza do rural desprazarse ata a cidade un día á semana para realizar xestións, compras ou acudir a servizos sanitarios, mediante seis itinerarios organizados por grupos de parroquias.
O servizo funcionará de luns a venres en días laborables, con saídas pola mañá desde as parroquias e regreso ao mediodía desde o centro urbano. De luns a xoves haberá unha ruta diaria, mentres que os venres se establecen dous percorridos diferenciados para completar a cobertura do territorio. O deseño das rutas busca facilitar o acceso ao núcleo urbano a persoas con maiores dificultades de mobilidade ou sen medios propios de transporte.
O autobús está adaptado para persoas con mobilidade reducida, dispón de plataforma de acceso, praza para cadeiras de rodas e sistemas de seguridade avanzados, ademais de aire acondicionado, calefacción, conexión wifi e puntos de recarga USB. O vehículo, de nova adquisición, conta con 37 prazas sentadas e está identificado coa imaxe municipal.
A prestación do servizo foi adxudicada por un período de dez anos á empresa Palacios Bus SL, cun investimento total de preto de 973.000 euros, financiado con fondos municipais e cunha achega do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Desde o Concello subliñan o carácter social do Bus Rural e o seu papel para mellorar a accesibilidade e a igualdade de servizos entre o ámbito urbano e o rural.•



