
O Concello de Pantón formalizou coa Xunta de Galicia a cesión dunha parcela de 676 m² na rúa Manuel María de Ferreira, destinada á construción do novo centro de saúde do municipio. A firma do convenio tivo lugar esta semana, ante notario, entre a directora xeral de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde, Amparo Pousada, e o alcalde, José Luis Álvarez. O novo equipamento, incluído no Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria, substituirá ao actual centro de 1982, que presenta obsolescencia e déficit de eficiencia enerxética. Contará con 550 m², dúas consultas de medicina xeral, dúas de enfermería, unha sala polivalente, unha sala de toma de mostras e outra para técnicas de cirurxía menor. Esta actuación permitirá dar cobertura sanitaria a máis de 2.100 veciños e veciñas, mellorando a resposta asistencial e adaptándose ás necesidades actuais da poboación. O proxecto prevé optimizar espazos e incrementar a funcionalidade dos servizos básicos de saúde en Pantón.•



