O PP esixe explicacións e responsabilidades políticas logo das novas informacións sobre o caso Tomé

Ameijide e Candia coinciden en denunciar o silencio institucional e piden responsabilidades políticas. Foto GPPP.

O Partido Popular de Lugo elevou o ton das súas críticas ao PSOE e ao BNG tras a difusión de novas informacións sobre os presuntos casos de acoso sexual atribuídos a José Tomé e o coñecemento previo das denuncias por parte de responsables socialistas. Os populares consideran que a situación continúa sen aclararse e que o mantemento do silencio está a provocar un grave deterioro da imaxe das institucións provinciais.
O voceiro do PP na Deputación, Antonio Ameijide, cualificou de “inaceptable” que, días despois de coñecerse os feitos, non se produciran explicacións públicas nin a asunción de responsabilidades. Sinalou de maneira directa á secretaria de organización do PSOE lucense, deputada provincial e alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, á que acusou de permanecer “agochada” pese á gravidade das informacións coñecidas. Segundo Ameijide, “debe saír de inmediato a explicar por que gardou silencio durante todo este tempo” e asumir as consecuencias políticas que se deriven.
O dirixente popular advertiu de que a falta de respostas está a agravar a crise institucional na Deputación, onde José Tomé continúa exercendo responsabilidades. Ao seu xuízo, manter a actividade política “como se nada tivese pasado” contribúe a normalizar unha situación que considera insostible e prexudicial para a credibilidade da institución.
Na mesma liña expresouse a presidenta provincial do PP, Elena Candia, que trasladou publicamente o seu apoio ás presuntas vítimas e manifestou a súa repulsa ante este tipo de condutas. Candia afirmou que a situación é “grave non só polo que se denuncia, senón polo que se cala” e advertiu de que o silencio tamén debilita ás institucións. “As institucións non poden estar ao servizo de quen se aferra ao cargo”, subliñou.
Candia incidiu en que, malia o paso dos días, non houbo cambios reais, xa que Tomé mantén as súas actas e segue condicionando a vida política provincial. Tamén puxo o foco no papel do BNG, ao que definiu como actor determinante, reclamándolle que abandone a ambigüidade e se posicione con claridade. Para a presidenta popular, “non valen as medias tintas nin os silencios incómodos” cando está en xogo a defensa das vítimas e a transparencia institucional.
Tanto Ameijide como Candia coincidiron en reclamar explicacións claras ao PSOE e un posicionamento firme do BNG. Desde o PP advertiron de que seguirán esixindo responsabilidades políticas ata que se esclareza o sucedido, ao considerar que a situación actual continúa a danar a imaxe da Deputación de Lugo e da provincia no seu conxunto.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

BNG insiste en que Tomé debe deixar todos os seus cargos

Seguinte Nova

Ribeira Sacra está a pechar un 2025 de récords turísticos e consolídase como destino de escapadas

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

Ir aInicio

Don't Miss