
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presidiu esta semana o acto conmemorativo da declaración da música e o baile tradicionais como Ben de Interese Cultural (BIC), celebrado no Museo das Peregrinacións e de Santiago, xunto a colectivos e agrupacións implicadas na conservación destas manifestacións. Na cita tamén participaron os directores xerais de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen destacaron o compromiso sostido das agrupacións para manter vivo este legado. Durante o evento, López Campos agradeceu “o papel esencial, indispensable e xeneroso” destas formacións, que contribuíron á elaboración do expediente iniciado en novembro de 2024 e co que agora se recoñece oficialmente o valor cultural sobranceiro da música e o baile tradicionais. O conselleiro subliñou que “Galicia non se entende sen a música e os seus bailes”, e que a distinción outorga o máximo nivel de protección a ambas as expresións por consideralas inseparables. O proceso culminará o luns 12 coa publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia, elevando a 794 o número de Bens de Interese Cultural existentes na comunidade. A declaración inclúe medidas de salvagarda dirixidas a garantir que as vindeiras xeracións poidan continuar practicando e transmitindo estes elementos culturais. Entre elas, destacan o impulso á investigación académica sobre a música e o baile tradicionais, a creación de convenios entre administracións públicas e entidades privadas para o inventario, catalogación e dixitalización de arquivos, e a posta en marcha dun arquivo audiovisual público de acceso gratuíto. Ademais, López Campos avanzou a implicación do corpo docente e das ANPAS na elaboración de materiais didácticos e actividades extraescolares, co obxectivo de fomentar o coñecemento destas manifestacións culturais no ensino formal e non formal. Finalmente, anunciouse que ao cabo de nove anos realizarase un estudo de actualización para avaliar o estado do BIC e o impacto das medidas de salvagarda aplicadas, asegurando así a continuidade e a difusión do patrimonio musical e coreográfico de Galicia.



