
A Xunta de Galicia deu luz verde ambiental á delimitación de solo de núcleo rural de Valboa, na parroquia de Vilar de Ortelle, no concello de Pantón, co obxectivo de recuperar esta aldea actualmente en abandono. O informe ambiental estratéxico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático conclúe que non se esperan efectos adversos significativos sempre que se cumpran os condicionantes indicados, entre os que destacan a conservación da morfoloxía e estrutura do asentamento, a protección do patrimonio cultural e paisaxístico, así como a correcta xestión de auga e augas residuais e a zonificación acústica da zona.
O procedemento incluíu a consulta previa aos organismos públicos e a publicación da documentación para que o público puidese presentar suxestións. O ámbito de actuación do proxecto abarca máis de 14.000 metros cadrados ao carón do canón do río Miño, con vivendas tradicionais, adegas, almacéns e antigos terreos de cultivo en socalcos. Algúns elementos, como muros de ladrillo ou cubertas metálicas, desvirtúan a imaxe orixinal, polo que a proposta clasifica o espazo como solo de núcleo rural tradicional, identificando parcelas edificadas e non edificadas, aquelas de interese paisaxístico e o viario público. O proxecto contempla tamén a recuperación da estrutura histórica e só estarán permitidos novos edificios de forma limitada, garantindo a preservación do carácter tradicional da aldea.•





