
Foto GPVDL.
O Concello de Sarria e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo veñen de formalizar novos convenios de colaboración para a mellora de infraestruturas deportivas municipais, cun investimento total de 283.000 euros achegados integramente pola institución provincial. Os acordos foron asinados polo presidente en funcións da Deputación, Efrén Castro, e polo alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e permitirán actuar en dous espazos clave para a práctica deportiva e o lecer na vila.
A principal intervención desenvolverase no complexo deportivo do Chanto, onde se destinarán 243.500 euros á renovación das pistas exteriores. Os traballos incluirán a mellora do pavimento das áreas de fútbol, tenis e pádel, así como a actualización dos peches, das redes e do mobiliario urbano da contorna, co obxectivo de modernizar unhas instalacións moi utilizadas pola veciñanza, especialmente nos meses de maior actividade ao aire libre.
A colaboración institucional abrangue tamén o campo da Ribela, onde se instalará un videomarcador exterior cun investimento de 40.000 euros. O equipamento contará cunha pantalla LED e cun sistema de control adaptado ás necesidades das competicións federadas, mellorando as prestacións dun recinto con forte presenza no ámbito deportivo comarcal.•



