Activista e xestor cultural, veciño de Castroncelos, na Pobra do Brollón, vén de publicar a súa primeira obra literaria, o poemario Agora, eu cariota

(Foto Cedida).
Agora, eu cariota é a manifesta demostración do dominio do concepto de Xosé Gago, unha obra na que o escritor, oriúndo de Brollón, deconstrúe o signo e reconstrúe o eu integrado como especie biolóxica no corpo superior da Natureza. Cada verso simboliza unha pequena célula, e a agrupación de todos os que conforman o poemario orixina unha lectura colectiva supeditada á inferencia individual, que transcende o perímetro da función lúdica para ser pronunciada como significado central dun discurso poético que se constrúe a si mesmo dunha maneira sumamente suxestiva.
P: Quen é Xosé Gago? Como te definirías como poeta?
R: Efectivamente, non é das preguntas máis fáciles de responder (risas), porque falar dun mesmo sempre é complicado. Profesionalmente, son xestor cultural, estou vinculado á xestión do patrimonio en comunidade, e aí creo que están parte dos meus intereses. Entón, a miña expresión poética é unha extensión de todo isto. De feito, adoito incidir en que o meu último libro é un proceso de transformación persoal, de transformación colectiva, e ademais dese proceso persoal, tamén están presentes a ollada científico-social e a ollada poética, que forman parte da mesma realidade, non están disociadas. Nesta obra manifesto unha visión cara a unha paisaxe que é xeolóxica, biolóxica, pero tamén humana, comunitaria, é dicir, unha escenografía na que suceden actos ou eventos sociais e iso xera distintos elementos de patrimonio. Este libro constitúe a ollada poética desta realidade, en vez da ollada máis científica ou técnica que prevalecía antes.
P: Agora, eu cariota reconstrúe o eu integrado como especie biolóxica no corpo superior da Natureza, nun traballo poético que sublima a interacción natural entre o ser humano como entidade emocional e a súa condición biolóxica. Por que decidiches embarcarte nesta conceptualización á hora de escribir?
R: O proceso, máis que enmarcarme ou ter desde un principio a idea clara, foi moi orgánico. O libro nace a partir de textos e notas que fun compilando ao longo deste tempo. Unha vez conclúe o meu ciclo laboral no Concello de Brollón e algúns ciclos persoais que ían da man, na releitura de todos estes textos e notas é onde vexo que hai unha estrutura, que todos inciden nun mesmo leit motiv que percorre boa parte deses documentos. Entón, a partir de aí dóime conta de que esa compilación podía compoñer unha obra en si mesma, e esa é a idea do libro, que cada texto poida ser unha pequena célula que conforme un ser pluricelular. Nese momento, inicio un traballo de reescritura, de intentar reducir ao mínimo necesario e quitar palabras superfluas para quedarnos coa esencia. De aí que haxa poemas tan curtos, cos que pretendo xerar o maior impacto posible co menor número de palabras.
P: Poderiamos considerar esta obra como unha disertación filosófica sobre o individuo, facendo unha lectura máis transcendente?
R: A verdade é que está moi ben formulada a pregunta. Como calquera elemento da realidade ou calquera construto cultural, a obra ten moitas capas de lectura. Entón, podemos quedarnos en concibilo como un poemario persoal, un poemario que fala sobre a Ribeira, un poemario que fala sobre o ser humano integrado na paisaxe, ou podemos chegar a esa capa de lectura máis completa na que, efectivamente, o que hai detrás é unha visión holística sobre a realidade, sobre o que é o individuo, o que é como parte dunha sociedade e, en última instancia, está presente unha reivindicación das comunidades con maiúscula. Por iso hai o xogo de que, se as células eucariotas son as únicas que poden formar seres pluricelulares complexos ou reais a nivel biolóxico, enténdoo da mesma maneira que para formar comunidades con maiúscula se precisan individuos completos e revisados, é dicir, ten que haber unha organización interna a nivel individual ben conformada para poder construír comunidades, e nos tempos que corren, reivindicar a comunidade é unha forma de resistencia e de combate contra o fascismo emerxente. Con todo isto, si que se pode conformar a visión filosófica que comentas.
P: Por que te decantaches pola poesía como o vehículo para transmitir o que querías reflectir?
R: Nesta sociedade, ás veces tendemos a subliñar moito as ideas, e eu máis que subliñar ou sentar cátedra, porque ningún de nós temos a verdade absoluta, do que se trata é de evocar e deixar espazos para que o lector poida introducir os seus propios pensamentos, coa finalidade de axitar ou inducir un pensamento para que sexa completado por outra persoa, e creo que aí é onde pode ser efectivo, non tanto en dar contidos creados senón en que cada quen saque as súas propias conclusións. Entón, se co libro consigo que a xente se deteña a reflexionar sobre o individual, o colectivo, sobre como nos integramos coa paisaxe ou sobre a nosa interacción co mundo rural, ese é o propósito principal, e para vehicular esta idea de evocación, penso que a poética era a perspectiva que máis se correspondía con isto, partindo da base de que todo foi un proceso orgánico e natural. É certo que mediante estes pequenos versos buscaba unha lectura doada, que cun golpe de vista o lector puidese formular estes conceptos e ir sementando en cada persoa ese estímulo de reflexión.•



