Gordon Ramsay descubre a viticultura heroica da Ribeira Sacra

O cociñeiro británico visitou a adega Vía Romana durante a rodaxe dun capítulo da serie emitida en Disney+. Foto VR.

A Ribeira Sacra foi escenario recentemente da visita dun dos chefs máis recoñecidos do panorama gastronómico internacional. Gordon Ramsay achegouse á adega Vía Romana, no concello de Chantada, no marco da gravación do episodio titulado A costa galega da serie Gordon Ramsay: Uncharted, emitida en España como Fóra de carta a través de Disney+ en colaboración con National Geographic. A presenza do cociñeiro mantívose en segredo ata a estrea do capítulo, por mor das condicións do rodaxe.
Durante a súa estancia, Ramsay puido coñecer de primeira man as características da viticultura heroica que define a Ribeira Sacra, marcada polos viñedos en bancais e pola complexidade dun territorio singular. O chef británico recoñeceu quedar impresionado pola paisaxe e polo traballo desenvolvido nas ladeiras do Miño, que describiu como unha experiencia que o deixou “sen palabras”. A vendima quedou pendente para unha futura visita, ao non coincidir coas datas da gravación.
A visita incluíu unha cata de viños da adega, na que Ramsay destacou especialmente o Vía Romana Do Camiño Godello, ao que cualificou como un viño gastronómico, indicado para acompañar pratos e potenciar os seus sabores. Tanto os viños de Vía Romana como os da adega Méndez-Rojo recibiron unha valoración moi alta por parte do cociñeiro, que decidiu levar consigo unha selección especial de botellas ao remate da xornada.
Un dos momentos centrais do episodio tivo lugar nas instalacións da adega, onde Gordon Ramsay e a súa filla Matilda protagonizaron un duelo culinario fronte ao chef galego Pepe Vieira e o seu fillo Darío. A proba serviu para amosar produtos emblemáticos da gastronomía galega, como os mexillóns, a robaliza, a carne de vaca rubia galega e os viños da Ribeira Sacra.
A relación de Ramsay con Galicia vén de atrás. O cociñeiro ten manifestado en distintas ocasións a súa admiración pola calidade dos produtos da comunidade, chegando a afirmar que “a mellor carne do mundo é a galega” e salientando o valor dos viños elaborados en condicións extremas. Mesmo amosou interese por desenvolver algún proxecto gastronómico en Galicia durante parte do ano.
Para a adega Vía Romana, a visita supón un recoñecemento internacional ao labor realizado e á identidade vitivinícola da Ribeira Sacra, reforzando a proxección exterior dun territorio ligado ao viño, á paisaxe e á tradición.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Deloreans e Malenne puxeron banda sonora ao Nadal

Seguinte Nova

Manoele de Felisa, en concierto

Últimas noticias sobre PORTADA

Entrevista a Lucía Pérez

Cantante e compositora oriúnda do Incio, Lucía Pérez proclama a liberdade de ser sen pedir permiso á sociedade no seu último sinxelo,
Ir aInicio

Don't Miss