A chegada do frío, a condución con meteoroloxía adversa e o uso de sistemas de calefacción centran a campaña de autoprotección deste mes de xaneiro


Superadas as celebracións do Nadal, o inverno afianza a súa presenza en Galicia cun escenario marcado polas baixas temperaturas, a inestabilidade meteorolóxica e unha maior exposición a situacións de risco tanto no fogar como no exterior. Neste contexto, o 112 Galicia volve incidir na importancia da prevención e da autoprotección como medidas fundamentais para reducir o número de incidencias durante os meses máis fríos do ano.
Desde o servizo de emerxencias lémbrase que, aínda que a atención ás incidencias funciona de maneira ininterrompida, o obxectivo principal pasa por evitar que estas cheguen a producirse. A campaña de inverno céntrase así en concienciar á cidadanía sobre os perigos máis habituais desta estación e en ofrecer recomendacións prácticas para afrontalos con seguridade.
O PERIGO DO LUME E O MONÓXIDO DE CARBONO
Un dos aspectos que require maior atención é o uso de sistemas de calefacción. Lareiras, cociñas de leña, estufas eléctricas ou de gas intensifican o seu uso nesta época, o que incrementa tamén o risco de incendios domésticos. O 112 Galicia lembra a necesidade de realizar un mantemento periódico das instalacións, especialmente dos condutos de evacuación de fume, onde a acumulación de feluxe pode provocar lumes de rápida propagación. Ademais, recoméndase non deixar nunca fontes de calor acendidas sen vixilancia e manter afastados tecidos, mobles ou elementos inflamables.
Xunto ao risco de incendio, advírtese dun perigo menos visible pero igual de grave: o monóxido de carbono. Este gas, resultado dunha combustión incompleta, pode acumularse en estancias pouco ventiladas e provocar síntomas que adoitan confundirse cunha indisposición leve, como mareos, dor de cabeza ou cansazo extremo. A ventilación regular dos espazos e o respecto ás reixas de entrada de aire son medidas básicas para evitar intoxicacións.
CHUVIA, NÉBOA, NEVE OU XEO NAS ESTRADAS
A mobilidade durante o inverno constitúe outro dos puntos críticos. A combinación de chuvia, néboa, neve ou xeo complica a condución e incrementa o risco de accidentes. O 112 Galicia recomenda revisar o estado do vehículo antes de iniciar unha viaxe, prestando especial atención aos pneumáticos, ás luces e aos sistemas de limpeza do parabrisas. Nas zonas de montaña, o uso de cadeas ou pneumáticos de inverno resulta imprescindible en determinadas circunstancias.
Especial precaución merecen as placas de xeo, difíciles de detectar a simple vista e frecuentes en pontes, viadutos ou treitos á sombra. Ante estas situacións, a recomendación é manter unha condución suave, evitar freadas bruscas e aumentar a distancia de seguridade. Tamén se aconsella levar no vehículo un pequeno kit de emerxencia con roupa de abrigo, manta, auga e batería para o móbil.
AUTOPROTECCIÓN
Os temporais de vento e chuvia, habituais durante os meses de inverno, xeran tamén riscos no exterior. Desde o 112 Galicia instan a asegurar obxectos en balcóns e xanelas antes da chegada dun episodio adverso e a evitar zonas con estruturas inestables, árbores vellas ou valos publicitarios durante refachos fortes. No caso de choivas intensas, recoméndase revisar desaugadoiros e canlóns e non atravesar nunca zonas asolagadas, nin a pé nin en vehículo.
No ámbito da saúde, o frío afecta de maneira desigual á poboación. As persoas maiores e a infancia son especialmente vulnerables, polo que se recomenda prestarlles atención, garantir unha temperatura axeitada nos fogares e evitar riscos asociados á calefacción. O uso de roupa por capas e calzado antiescorregadizo contribúe tamén a previr caídas e problemas derivados das baixas temperaturas.
Finalmente, o 112 Galicia lembra a importancia de manterse informado a través das canles oficiais sobre a evolución meteorolóxica e as alertas activas. Ante calquera situación de risco, o servizo de emerxencias está dispoñible as 24 horas, cunha mensaxe clara: no inverno, a prevención segue sendo a mellor protección.•



