San Miguel de Rosende: cultura e patrimonio

MAR LÓPEZ SOTELO. Directora e Investigadora Área de Antropología IE. Campus Stellae

•En moitas igrexas rurais galegas, o patrimonio non se limita a grandes retablos ou imaxes devocionais; tamén reside nos muros, en superficies elaboradas con esmero, e nos sons que durante séculos marcaron o ritmo da vida comunitaria.Os esgrafiados, como o repique das campás, forman parte deste patrimonio discreto pero profundamente distintivo. Ambas as dúas linguaxes, visual e auditiva, comparten unha condición: non foron concibidas como obras illadas, senón como práticas integradas na arquitectura e no uso cotián do espazo. Os esgrafiados non son meramente decorativos; inscriben símbolos, ordes e xerarquías no propio corpo do edificio. As campás estenden esta mensaxe ao contorno, facendo da igrexa un centro activo de comunicación.
En lugares como a igrexa de San Miguel de Rosende, estas capas de patrimonio dialogan entre si. O muro esgrafiado e o son das campás crean unha experiencia non só estética, senón tamén social e temporal: un museo ao aire libre que non se percorre simplemente en silencio, senón que se vive.

Arriba, os campaneiros de San Miguel de Rosende, Roberto, Lino e Orlando. Á dereita, o campanario da igrexa. (Fotos: MLS).


A relación que se establece entre o son, o espazo, o xesto comunitario e a materialidade simbólica funciona como un paralelismo conceptual coa arte do esgrafiado: ambas son artes “inscriptas” na arquitectura, ambas median entre o visible e o invisible, e ambas activan a memoria, o ritmo e o sentido de pertenza.
Nas zonas rurais, o toque manual das campás tiña un forte carácter ritual e protector. A súa declaración como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO en 2022, a proposta de España, protexe non só o obxecto (a campá) senón tamén o saber facer, os códigos, os ritmos e o significado social e simbólico asociado. Estes códigos eran, e en sitios como San Miguel de Rosende aínda o son, unha auténtica linguaxe sonora comunitaria.
Na fría e brumosa mañá do 13 de decembro de 2025, nesta pequena parroquia do sur de Lugo, celebrábase a festa de Santa Lucía. As campás da igrexa resoaban festivamente cun ritmo rápido e alegre, e eu estaba alí para documentar e compartir este impresionante patrimonio. Alí, os veciños sempre mostraron interese por preservar as tradicións e a memoria colectiva e, sobre todo, garantir a súa continuidade. De feito, no terrible incendio que arrasou a parroquia en setembro pasado, as campás soaron como rebato: un repique rápido, continuo e moi forte, e así foi como toda a contorna soubo que había un perigo inminente. O máis fascinante é que ninguén necesitou explicacións; usaron a súa propia linguaxe comunal.
Este son organizou a vida comunitaria durante séculos, con pequenas variacións propias de cada parroquia. Existe unha serie de técnicas para tocar as campás a man, sen mecanismos electrónicos, con patróns rítmicos que transmiten información. Cada toque ten un significado, como as campás de misa (diarias, festivas, solemnes), as funerarias (varían por idade, sexo ou status), de alarma (incendios, tormentas, perigo), festivas (romarías, festas patronais, celebracións civís), e campás de oración (Ángelus e Día de Defuntos). No seu informe, a UNESCO valorou varios aspectos, como ser unha linguaxe sonora colectiva: o toque de campás funcionaba como sistema de comunicación anterior aos medios modernos. Ao mesmo tempo, este sistema transmitíase entre xeracións, oralmente e coa prática directa no campanario, sen partituras escritas. Valorouse tamén a súa identidade local: cada rexión desenvolveu o seu propio estilo de toque de campás, con variacións rexionais ben diferenciadas, o que provocou a ausencia dun único estilo de toque de campás «español». Ao tempo, o informe detectou risco de desaparición: a electrificación das campás no século XX mermou as técnicas tradicionais, de aí a urxencia da súa protección.


O papel do campaneiro é fundamental: non só toca a campá, senón que tamén interpreta o son, salvagarda a memoria colectiva e comprende o seu peso e resposta, o contexto litúrxico ou social e a combinación de ritmos e pausas.
Pero a igrexa de San Miguel de Rosende conserva tamén outros tesouros, como unha peza de coiro cordobán do século XVII. Esta fascinante e pouco coñecida obra, restaurada recentemente pola experta Mª Dolores Lago Arce, pódese contemplar no seu contexto orixinal como revestimento para obxectos, mobles ou elementos litúrxicos. O coiro cordobán é unha técnica artesanal de repuxado e policromía asociada á alta artesanía cordobesa, e exportada a toda Europa desde a Idade Media. Aínda que o coiro cordobán ten a súa orixe nunha tradición artesanal hispánica estreitamente asociada ao sur da península, a súa presenza en Rosende testemuña a chegada destes materiais e técnicas probablemente a través de redes de intercambio artístico entre dioceses, obradoiros e ordes relixiosas durante os séculos XVI e XVII.
O mesmo puido ocorrer cos restos de revestimento de esgrafiados que aínda se ven nas fachadas; as cruces latinas e as follas lanceoladas lembran a impresionante decoración do edificio, vinculado a un mosteiro beneditino desde polo menos 1246, dependente de Santo Estevo de Ribas de Sil. A conexión entre os esgrafiados, a arte románica e o Camiño de Santiago permítenos comprender a súa presenza nos muros das igrexas. Auga, area e cal, en proporcións axeitadas e aplicadas correctamente, converteron o esgrafiado non só nunha poderosa protección, senón tamén nun elemento estético. Estudos recentes confirman a existencia dun estilo distintivo na Galicia rural.
A comunidade local menciona que, a pesar de varias reconstrucións, a igrexa conserva a pegada románica na xanela ajimezada do campanario, dividida por unha columna central con dous arcos de medio punto, xunto a pezas como o coiro cordobán e imaxes barrocas recentemente restauradas.
Ao carón da igrexa atópanse edificios históricos vinculados á vida relixiosa e aristocrática de Rosende, como o antigo priorado ou casa reitoral, co seu maxestoso balcón e patio porticado, que reclaman unha restauración exhaustiva e moi necesaria.
Do mesmo xeito que o coiro de cordobán é un exemplo de patrimonio material excepcional, o toque manual das campás e a decoración esgrafiada son complementos inmateriais: todos eles fálannos dun xeito de vivir, comunicar e comprender o mundo que hoxe valoramos non pola súa utilidade inmediata, senón polo seu profundo significado cultural. •

Este traballo non tería sido posible sen a xenerosidade e a implicación da comunidade local. O meu agradecemento a Ara e Toñín, da Asociación Veciñal de Rosende, e en especial aos campaneiros Roberto, Lino e Orlando, por permitirme compartir con eles, dende o campanario, o repique das campás para a festa de Santa Lucía na Igrexa de San Miguel de Rosende o 13 de decembro. Tamén quero agradecer a todas as persoas que, como a Sra. Lola, coidan con tanto agarimo as igrexas rurais.
Grazas tamén por contar conmigo para desenvolver este traballo de divulgación cultural, que nace do diálogo entre patrimonio, memoria e comunidade, e por compartir a súa profunda historia con nós.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Denuncia veciñal en Escairón por un vertedoiro nun soar municipal

Seguinte Nova

A licitación do último treito da AG-22 impulsa a conexión entre Lugo e Sarria

Últimas noticias sobre PROTAGONISTAS

Ir aInicio

Don't Miss