
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mantivo en Madrid unha reunión co ministro de Cultura, Ernest Urtasun, centrada en reforzar a cooperación entre ambas administracións na recta final da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial. O encontro produciuse a poucos meses da revisión que o Comité da Unesco realizará en Corea do Sur, unha cita que o Goberno galego considera determinante.
Durante a reunión, López Campos lembrou que Ribeira Sacra: Paisaxe da auga é a proposta oficial de España e puxo o foco nos seus atributos “excepcionais e únicos”, presentes nos 26 concellos de Lugo e Ourense implicados. Subliñou tamén que se trata dunha paisaxe configurada pola auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”.
O conselleiro trasladou ao ministro as “boas sensacións” acumuladas ao longo do proceso e expresou a confianza da Xunta en acadar “o merecido e honroso recoñecemento internacional”. Valorou ademais o labor técnico desenvolvido conxuntamente, que definiu como “un compromiso compartido”.
De cara aos próximos meses, López Campos cualificou de “claves” os procedementos previstos antes da sesión de Busán e insistiu na necesidade de manter unha preparación rigorosa. En febreiro desprazarase a París para reunirse co subdirector de Cultura da Unesco, Ernesto Ottone, e co embaixador español, Miquel Iceta, nunha nova rolda de contactos.
O titular de Cultura destacou tamén o apoio social e institucional á candidatura, que considera “madura e sólida”. Lembrou que a Xunta leva investidos preto de 8 millóns de euros desde 2017 en máis de 40 bens patrimoniais da zona, xunto a máis de 90 intervencións arquitectónicas e arqueolóxicas en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. Segundo afirmou, este esforzo contribuíu a consolidar unha Ribeira Sacra “máis viva, máis coidada e máis recoñecida, e aínda o vai ser máis cando academos este merecido recoñecemento internacional”.•



