
Foto EV.
Xunta de Galicia reiterou o seu apoio ao sector gandeiro fronte aos ataques do lobo mediante distintas liñas de axuda orientadas á prevención e á compensación dos danos. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, referiuse a estas medidas durante unha visita a unha explotación extensiva de cabalos no monte Coirego, no concello de Cerdedo-Cotobade. Segundo indicou, continúa aberto o prazo para solicitar achegas destinadas á instalación de valados fixos, peches móbiles electrificados e pastores eléctricos, así como para a adquisición e mantemento de cans protectores e a contratación de persoas coidadoras de gando. Estas actuacións preventivas contan cun orzamento próximo aos 1,3 millóns de euros.
A estas axudas engádense as destinadas a indemnizar as perdas ocasionadas polos ataques do lobo entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, cunha dotación aproximada de 600.000 euros. A responsable autonómica apuntou que estes apoios resultan relevantes ante o incremento dos avisos rexistrados.
Os datos oficiais sinalan que nos dous últimos exercicios se rexistrou unha media superior aos dous mil avisos anuais por ataques, con máis reses afectadas que en anos anteriores, sendo o gando equino un dos máis prexudicados.
A conselleira trasladou aos gandeiros o compromiso do Executivo galego de manter o apoio ao sector e de continuar traballando na defensa dos seus intereses no ámbito rural.•



