O espazo galego na feira internacional pecha cun dobre recoñecemento e cunha ampla programación centrada no territorio, a cultura e a innovación

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou a pasada semana en Madrid no acto institucional de Galicia Calidade celebrado no marco de Fitur 2026, no que puxo o acento nun modelo de país vencellado á excelencia e a unha forma de facer asentada no coidado do detalle e na identidade propia. Na súa intervención, salientou o potencial sociocultural da comunidade e citou como exemplo a selección do filme Sirāt, de Óliver Laxe, para optar aos Premios Oscar 2026 nas categorías de Mellor Filme Internacional e Son, ao que lle desexou “toda a sorte do mundo”, agradecendo que “non renuncie nunca ás súas esencias”.
Rueda subliñou que Galicia Calidade non funciona unicamente como marca promocional, senón que responde a unha realidade consolidada no tempo, construída a partir dun esforzo colectivo que abrangue distintos ámbitos. No ámbito turístico, o presidente indicou que a estratexia da Xunta aposta pola calidade e pola sustentabilidade como eixos centrais, coa finalidade de atraer visitantes interesados na gastronomía, no patrimonio natural e cultural e nas experiencias ligadas ao territorio. Segundo sinalou, trátase de avanzar nun modelo equilibrado, sen centrar o discurso exclusivamente nas cifras, e reforzando a imaxe de Galicia como unha terra de acollida “na que todo o mundo é benvido”.
Neste contexto, destacou proxectos como o Camiño do Litoral, que suma máis de 1.300 quilómetros repartidos en 52 etapas ao longo da costa galega.
Estas iniciativas enmárcanse nun momento no que o sector turístico pechou o ano 2025 con máis de 8,5 millóns de viaxeiros aloxados e con máis de 530.000 compostelas expedidas pola Oficina do Peregrino.
A participación galega en Fitur 2026 arrincou coa presentación ‘Galicia, porta de entrada da gran eclipse solar 2026’, na que se avanzou que o fenómeno poderá observarse en boa parte do territorio, nunha franxa que abrangue 143 concellos, o 45,6% da comunidade. A programación do stand incluíu tamén presentacións vencelladas á gastronomía, ao turismo de natureza, á paisaxe, ao patrimonio e ás distintas rutas xacobeas.
Entre elas, destacou o Camiño Portugués da Costa Inclusivo, no que participou a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, quen afirmou que se trata dun itinerario “máxico pola súa beleza, polo seu patrimonio natural e cultural e pola súa xente”, subliñando o seu carácter accesible. Segundo os datos achegados, o 80% das persoas peregrinas que o percorren son estranxeiras. O director de Turismo de Galicia incidiu na diversificación das rutas e sinalou que este é o camiño con maior crecemento e o terceiro máis transitado.
As rutas xacobeas tiveron continuidade noutras presentacións, como a impulsada pola Asociación de Municipios do Camiño de Inverno ou a promovida polos empresarios do Camiño Fisterra-Muxía. O turismo patrimonial estivo presente coa conmemoración dos 800 anos da consagración da Catedral de Tui, mentres que o enogastronómico contou con propostas como os itinerarios de Valdeorras ou a nova edición da guía …E para comer, Lugo.
O espazo expositivo de Galicia pechou tras cinco días de actividade, con tres xornadas profesionais e dúas abertas ao público, e fíxoo cun dobre recoñecemento: Mellor Stand das Comunidades Autónomas e Mellor Stand Sostible. O xurado valorou a aposta por materiais innovadores elaborados a partir da reciclaxe de máis de 53.500 botellas de plástico PET, así como o uso de madeira de proximidade. A programación incorporou tamén música e baile tradicional, produtos de proximidade, propostas de turismo accesible e preto de medio cento de presentacións profesionais, reforzando a proxección de Galicia como destino turístico sostible e de calidade.•



