
O Concello de Chantada continúa avanzando na organización do Entroido 2026, unha celebración na que o Desfile de Comparsas volverá ser o acto central, nunha edición na que se reforza o apoio ás agrupacións que manteñen viva esta tradición. A cita está prevista para o sábado 14 de febreiro e enmárcase nun programa máis amplo no que tamén se inclúe a colaboración municipal co Entroido Ribeirao, que iniciará as súas actividades o 1 de febreiro e destaca polo seu valor etnográfico.
O desfile comezará ás 18.00 horas na Avenida de Lugo, á altura da residencia DomusVi, e avanzará polo centro urbano ata a Praza de Galicia. Alí, a actuación da orquestra La Travesía porá o punto final á xornada. Para esta convocatoria, o Concello reserva 6.000 euros: 5.000 destinados a premios e 1.000 a axudas directas para incentivar a participación das comparsas.
As bases do concurso establecen dúas categorías principais: comparsas de adultos, integradas por máis de quince persoas, e comparsas infantís, formadas integramente por menores de catorce anos ou cunha maioría superior ao 70% de participantes desa idade. En ambas modalidades, os premios serán de 700, 500 e 300 euros. Ademais, por segundo ano consecutivo inclúense premios locais compatibles cos xerais, dotados con 500, 300 e 200 euros, co obxectivo de recoñecer o esforzo das agrupacións do municipio.
Para fomentar a presenza de grupos numerosos, cada comparsa con máis de quince integrantes poderá recibir unha axuda de 100 euros, ata un máximo de dez, priorizándose a orde de inscrición. As solicitudes poden presentarse no Rexistro do Concello desde o 22 de xaneiro e ata o 10 de febreiro, acompañadas da documentación identificativa requirida.
A organización convocou tamén unha reunión obrigatoria o xoves 12 de febreiro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura. Nela deberá entregarse o audio que se reproducirá durante o desfile, cunha duración máxima de tres minutos, e concretarase a orde de saída das comparsas. O xurado valorará aspectos como o vestiario, a posta en escena, a simpatía, a orixinalidade das carrozas e a actuación final diante do palco, cunha puntuación de un a dez.•



