Os populares denuncian atrasos en convenios, falta de investimentos reais e o rexeitamento a crear axudas para estudantes

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, anunciou que o seu grupo esixirá no Parlamento de Galicia a dimisión de José Tomé de todos os seus cargos institucionais. A dirixente popular cuestionou a posición de PSOE e BNG por manter acordos de goberno na Deputación co apoio dun concelleiro investigado, unha situación que cualificou de “unha vergoña para todos os galegos”. “Veremos, unha vez máis, que queda do falso feminismo do PSOE e do BNG, máis ocupados en darlle normalidade a este tipo de acordos”, afirmou.
Prado reiterou o apoio do Partido Popular ás vítimas, que anunciaron a súa intención de acudir á Fiscalía.
No ámbito municipal, o Grupo Popular de Monforte volveu cargar contra a xestión do alcalde, José Tomé, pola falta de concreción e polos atrasos reiterados en proxectos anunciados. A voceira, Katy Varela, lembrou que xa en decembro advertiran da ausencia de avances reais na ronda entre a rúa Orense e a N-120 e sinalou que no pleno de xaneiro se levou un novo axuste dun convenio millonario, desta vez coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
O acordo, asinado en outubro de 2024, contempla actuacións de restauración ambiental e a construción dunha senda peonil nas marxes de varios cauces, cun investimento global de máis de catro millóns de euros e finalización prevista inicialmente para 2028. Segundo expuxo Varela, agora recoñécese unha prórroga ata 2029 e unha execución mínima no exercicio 2025. “Se constata que apenas se puido redactar o proxecto ou facer estudos previos”, afirmou.
Os populares tamén criticaron que o goberno local rexeitase crear bolsas para que mozos de Monforte poidan estudar inglés en Europa, ao tempo que aprobou a subida das asignacións por asistencia a plenos e comisións.•



