
Os deputados populares Raquel Arias e Enrique Barreiro presentaron este xoves os detalles do acordo entre a Xunta e a Fegamp que permitirá elevar de maneira progresiva a financiación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Segundo explicaron, o compromiso do Goberno galego suporá un incremento do 50% ao longo da lexislatura, co obxectivo de reforzar un servizo que xestionan os concellos e que ten unha forte implantación no rural.
Arias lembrou que a atención domiciliaria é unha competencia municipal e que o novo marco permitirá elevar a achega autonómica por hora prestada. A previsión é pasar dos 12 euros actuais aos 16 euros neste exercicio, cun aumento adicional dun euro en 2027 e a chegada aos 18 euros en 2028. No caso de Sober, a deputada sinalou que o municipio “pasará de ingresar 285.000 euros na actualidade pola prestación do servizo de axuda no fogar a 380.000 euros, case 100.000 euros máis só neste ano”.
Pola súa banda, Enrique Barreiro subliñou que esta decisión “demostra que o Goberno galego está ao carón dos concellos galegos, sobre todo dos máis pequenos, que verán aliviadas as súas contas municipais”. O deputado engadiu que o reforzo económico non só repercutirá na mellora das arcas rurais, senón que tamén o fará no persoal do servizo, ao favorecer unha maior estabilidade laboral, e nas familias usuarias, ao garantir unha atención continuada no propio domicilio.
Arias incidiu na importancia do SAF nun territorio marcado polo envellecemento e a dispersión poboacional, ao tratarse dun recurso que “afecta directamente á calidade de vida das persoas maiores, dependentes e das súas familias”. Con todo, advertiu de que a financiación podería ser máis ampla se o Estado incrementase a súa achega á dependencia, lembrando que “en vez de achegarse a esa metade, cada ano reduce a súa aportación, que pasou nos últimos anos do 40 ao 34 por cento”.•



