A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou as instalacións da empresa en Chantada para coñecer a iniciativa “Experiencias queixeiras no corazón de Galicia”

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou esta semana a queixería Arias Moniz, en Chantada, para coñecer o desenvolvemento do proxecto turístico que a empresa está a impulsar. A responsable autonómica, acompañada polo delegado territorial Javier Arias, definiu a iniciativa como un exemplo de dinamización do rural.
Gómez explicou que o programa contou cunha achega de máis de 29.400 euros do Leader, destinada a crear paquetes de visitas, catas e actividades na granxa, así como a apertura dunha tenda con produtos propios e doutros produtores locais. Destacou o valor engadido que achega á Ribeira Sacra, ao reforzar a oferta turística da comarca.
A conselleira avanzou que se publicará “a maior convocatoria da historia” do Leader, con 28,7 millóns para 2026-2027.•



