O sector agrogandeiro intensifica en Lugo a oposición ao acordo UE-Mercosur

Produtores reclaman un rexeitamento explícito do tratado e manteñen protestas indefinidas mentres as institucións analizan o seu impacto no rural

As organizacións convocantes acusan ao PP e ao PSOE de “cinismo cómplice” e esixénlles que voten en contra do tratado comercial no Parlamento Europeo. “Dannos a razón en Lugo e véndennos en Bruxelas”, denuncian. Foto AGROMURALLA.

Representantes das asociacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema mantiveron este xoves en Lugo encontros con responsables institucionais para trasladar o seu rexeitamento ao tratado comercial entre a Unión Europea e os países do Mercosur. As reunións celebráronse pola mañá coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e xa pola tarde coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, ás que os colectivos pediron unha posición clara fronte ao acordo. Os produtores denunciaron o que cualifican como unha falta de coherencia política entre o discurso mantido a nivel local e as decisións adoptadas nos ámbitos estatais e europeos. “Os mesmos partidos que nos din aquí que nos apoian son os que impulsan o acordo en Bruxelas”, sinalaron a presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, e o presidente de Gandeiros Galegos da Suprema, Santiago Rego.
As organizacións consideran que o tratado facilitará a entrada no mercado europeo de produtos agroalimentarios que non cumpren cos mesmos requisitos sanitarios, ambientais e de benestar animal que se esixen aos produtores comunitarios. Neste contexto, insistiron en que as coñecidas como cláusulas espello carecen de eficacia real e advertiron de que os controis anunciados non garantirán a igualdade de condicións. “Se de verdade preocupa o rural galego, o acordo ten que ser rexeitado frontalmente”, reiteraron.
Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema tamén apelaron directamente aos eurodeputados galegos do PP e do PSOE para que voten en contra do tratado cando chegue ao Parlamento Europeo, órgano que deberá ratificalo ou rexeitalo. Segundo lembraron, Galicia conta con catro representantes na Eurocámara, aos que atribúen unha responsabilidade directa no resultado da votación.
Mentres tanto, Lugo consolidouse como un dos principais focos de mobilización en Galicia contra o acordo. Desde comezos da semana, tractores procedentes de distintos puntos da provincia permanecen na cidade e ocupan un dos carrís da Ronda da Muralla. Segundo os organizadores, son xa máis de 150 vehículos agrícolas os concentrados, e anunciaron novas accións de visibilización cidadá, cunha protesta de carácter indefinido que se intensificará a medida que se achega a data prevista para a sinatura do acordo.
Paralelamente, a presidenta da Deputación reuniuse no Pazo de San Marcos con representantes doutras organizacións do sector, como Unións Agrarias e Fademur, para concretar a moción que o grupo socialista levou ao pleno provincial. Carmela López sinalou que o acordo abre “un novo escenario” para o sector primario e subliñou a necesidade de afrontalo con garantías, tendo en conta que máis do 30% do emprego provincial está ligado á actividade agrogandeira e que Lugo concentra unha parte moi significativa da produción leiteira e do censo bovino galego.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Ruta do Viño Ribeira Sacra promociónase como destino turístico de inverno

Seguinte Nova

A Xunta reforza as axudas ao gando fronte aos ataques do lobo

Últimas noticias sobre O MUNDO DO VIÑO E DO AGRO

Ir aInicio

Don't Miss