
O Concello de Pantón volverá ser este ano o escenario do peche do Entroido na Ribeira Sacra coa celebración do tradicional Desfile Concurso de Disfraces e Carrozas, previsto para o sábado 21 de febreiro. A cita, xa consolidada no calendario festivo da comarca, contará nesta edición cunha apertura especial a cargo dos traxes tradicionais do Entroido de Budián, recuperados pola veciñanza desta localidade nos últimos anos.
Segundo explicou o alcalde, José Luis Álvarez, “os brancos e os farranquís do Entroido de Budián abrirán o Desfile deste ano, é un modo de visibilizar e poñer en valor a recuperación desta tradición e do esforzo das veciñas e veciños por conservala de ano en ano”. A presenza destes personaxes tradicionais marcará o inicio dun percorrido no que se mesturarán propostas actuais e elementos do entroido máis clásico.
O desfile comezará ás 16.00 horas desde o colexio Monte Baliño, aínda que as persoas participantes deberán concentrarse media hora antes para a correcta identificación. A comitiva percorrerá varias rúas de Ferreira ata rematar na Praza do Concello, onde, coa chegada da última comparsa, dará comezo unha chocolatada acompañada de baile e reparto de doces para o público infantil.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o mércores 19 de febreiro ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Pantón. Para formalizar a participación será preciso presentar a documentación identificativa do responsable da comparsa, así como os datos bancarios necesarios no caso de resultar premiados.
O certame establece diferentes categorías, tanto en comparsas adultas como infantís, en función do número de compoñentes, con premios económicos que oscilan entre os 20 e os 300 euros. Ademais, todas as agrupacións que participen con carroza recibirán unha axuda fixa, incrementada no caso das formacións con máis de dez integrantes.
A valoración correrá a cargo dun xurado formado por representantes das comparsas de maior tamaño, escollidos por sorteo, e unha persoa allea que exercerá voto de calidade se fose necesario. Teranse en conta aspectos como o vestiario, a maquillaxe, a elaboración dos disfraces, a posta en escena e o acompañamento musical. As bases completas poden consultarse na sede electrónica municipal.•



