A Deputación de Lugo reforza en Fitur a proxección da Ribeira Sacra e da provincia como destino sostible

Carmela López, calificou a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial como , “unha oportunidade histórica para que o mundo recoñeza o valor universal deste territorio”

Carmela López defendeu en Madrid a cooperación institucional e presentou as novas campañas centradas na identidade, a paisaxe e o turismo responsable. Foto GPCM.

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, iniciou o pasado mércores en Madrid a súa axenda institucional na Feira Internacional de Turismo (Fitur) coa presentación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO, nun acto celebrado no stand de Turismo de Galicia. Durante a súa intervención, apelou á cooperación entre administracións como elemento esencial para acadar este recoñecemento internacional e consolidar un modelo de desenvolvemento respectuoso co territorio.
López puxo en valor o carácter singular da Ribeira Sacra, á que definiu como “un territorio cunha identidade forte, unha beleza que emociona e un patrimonio vivo que se mantén grazas ao coidado diario da súa xente”. Subliñou tamén o papel estruturante dos ríos Miño e Sil, non só na configuración da paisaxe, senón tamén na forma de vida da comarca, ligada ao traballo da terra e a unha relación histórica co entorno. Desa interacción, explicou, xorden os viñedos de viticultura heroica, os mosteiros centenarios, os núcleos rurais con personalidade propia e un patrimonio cultural e natural de valor excepcional.
A presidenta lembrou que o expediente da candidatura xa se atopa en mans da UNESCO e que nos vindeiros meses se coñecerá a decisión definitiva, polo que cualificou o momento como unha oportunidade histórica para o recoñecemento mundial da Ribeira Sacra. Nese contexto, insistiu en que o proxecto só pode avanzar desde a colaboración leal entre a Xunta de Galicia, as deputacións e os concellos, co obxectivo común de protexer o territorio e proxectalo cara ao futuro con responsabilidade.
Durante o acto tamén salientou o compromiso da Deputación de Lugo con iniciativas que permiten coñecer a comarca dun xeito sostible, como os catamaráns fluviais, que facilitan a descuberta dos canóns desde o río e achegan a viticultura heroica aos visitantes dunha maneira respectuosa. “A grandeza da Ribeira Sacra está na súa paisaxe, no seu patrimonio e na súa cultura, pero sobre todo na súa xente, que a coida e a mantén viva cada día”, afirmou. Á presentación asistiron, entre outros, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, e o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián.
A presenza da Deputación en Fitur inclúe unha intensa axenda de encontros profesionais e institucionais orientados a fortalecer alianzas e posicionar Lugo como referente no turismo de natureza e sostible. Neste marco, Carmela López participa tamén na difusión doutras campañas promovidas desde a provincia, como a impulsada pola Mancomunidade da Mariña baixo o lema A Mariña, unha viaxe á identidade, centrada no turismo de benestar e consciente, co protagonismo das Carolas ou Canouras como figuras pioneiras do turismo mariñán.
O venres 23 de xaneiro tivo lugar no stand de Galicia a presentación oficial da campaña Provincia de Lugo, Reserva Natural, unha iniciativa que pon o foco na riqueza ambiental da provincia e aposta por un turismo non masificado, vencellado ao territorio e á conservación dos seus recursos. O acto estivo conducido por David Vilares e contou coa participación de representantes das reservas da biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, ademais da estrea dun audiovisual promocional que inicia un proxecto máis amplo de difusión a nivel estatal.
Á presentación asistiron tamén o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, e a tenente de alcalde, Gloria Prada, quen destacaron o papel do municipio como capital da Ribeira Sacra dentro deste modelo turístico. A campaña foi presentada por Carmela López xunto co cineasta Óliver Laxe, e contou coa presenza de alcaldes e alcaldesas da provincia. Na súa intervención, a presidenta provincial defendeu “un modelo de turismo de calidade, de equilibrio co territorio e de compromiso cos seus habitantes”, unha liña na que, segundo sinalou o rexedor monfortino, encaixa a aposta municipal por un turismo sostible, baseado en experiencias e na posta en valor do patrimonio natural.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O pleno de Monforte aproba o salario de José Tomé nun ambiente de forte crispación política

Seguinte Nova

Chantada acolleu unha mostra sobre os maragatos lucenses

Últimas noticias sobre PORTADA

Entrevista a Lucía Pérez

Cantante e compositora oriúnda do Incio, Lucía Pérez proclama a liberdade de ser sen pedir permiso á sociedade no seu último sinxelo,

A forza das tradicións populares

A estrea de “Rondallas” confirmou os prognósticos: o novo traballo de Daniel Sánchez Arévalo converteuse nun fenómeno de taquilla en Galicia, cunha
Ir aInicio

Don't Miss