
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou a incorporación dos concellos de Chantada, Carballedo, Quiroga e Ribas de Sil ao servizo de Hospitalización a Domicilio, alcanzando así o 98 % da poboación do distrito sanitario de Monforte e preto do 95 % da provincia de Lugo. O obxectivo, sinalou o titular da carteira sanitaria, é estender este tipo de coidados a todos os concellos galegos.
O anuncio realizouse durante unha visita ao centro de saúde de Chantada, na que Gómez Caamaño estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares. Alí destacou que ofrecer coidados hospitalarios complexos no propio domicilio “é un factor de calidade e de humanización que fai máis grande o noso sistema sanitario público”.
O segundo equipo de hospitalización a domicilio permitirá reorganizar os recursos para ampliar a cobertura. O primeiro equipo, con sede en Monforte, atendía aos concellos de Monforte, Bóveda, A Pobra de Brollón, Pantón, Sober e O Saviñao, prestando atención a uns 260 pacientes. A creación do novo equipo, con un médico e tres enfermeiras adicionais, xunto cun vehículo para desprazamentos, estenderá a asistencia a máis de 43.000 persoas, incrementando en 15.000 o número de usuarios atendidos. Gómez Caamaño destacou as obras realizadas no centro de saúde e no PAC de Chantada, cun investimento de 100.000 euros. Entre as actuacións figuran a remodelación da área de admisión, fisioterapia e consultas, a instalación de baños adaptados, a renovación do equipamento de fisioterapia, a dixitalización da sala de radioloxía e a incorporación de cadeiras de brazos para odontoloxía.•



