Cantante e compositora oriúnda do Incio, Lucía Pérez proclama a liberdade de ser sen pedir permiso á sociedade no seu último sinxelo, Porque no

Lucía Pérez saltou á popularidade no ano 2011 pola súa participación en Eurovisión, coa canción “Que me quiten lo bailao”, un himno alegre e contaxioso que axiña se convertería nun grande éxito internacional. Pero a carreira de Lucía Pérez nin empezou nin rematou coa súa participación no certame europeo. A galega chegaba ao concurso arroupada por unha sólida traxectoria musical, e tras o rotundo éxito do seu tema eurovisivo e co apoio do público a nivel estatal, a artista non deixou de xirar dentro e fóra de España nin de publicar novos temas que a levaron a converterse nunha figura imprescindible na industria musical.
P: Quen é Lucía Pérez? Como te definirías como artista?
R: Eu definiríame como unha cantante galega. A definición de artista engloba todos os campos en xeral, e a miña principal profesión é a música, á que levo dedicándome en exclusiva durante máis de 20 anos. Definiría a Lucía como unha muller traballadora, positiva e constante, algo que me permitiu manterme durante tantos anos e seguir aí.
P: Neste 2026 cumpres 20 anos de traxectoria sobre os escenarios, e 15 anos da túa participación en Eurovisión, un punto de inflexión na túa carreira. Algunha vez tiveches medo ou incerteza de que a túa carreira, aos ollos do público, quedase limitada á túa participación no espectáculo eurovisivo?
R: Ben, por partes. O primeiro de todo, Eurovisión foi un dos puntos importantes da miña carreira. Como sempre digo, é unha experiencia que poucos artistas poden vivir, e enfrontarse a todo o que é o espectáculo en si, onde te xogas todo en tres minutos de canción, fai que aprendas moito. Para min foi unha experiencia moi enriquecedora como persoa e como profesional. É verdade que ás veces unha pensa en cousas que podería ter feito ou dito hai quince anos, pero a inexperiencia estaba aí. Nun primeiro momento foi agridoce, porque eu ía cumprir un dos meus grandes soños de nena —na miña casa víase Eurovisión—, pero no momento da elección todo o mundo sabía que estaba indo cunha canción coa que non me sentía plenamente convencida. Era o formato de selección que había daquela, a través dunha gala de TVE, e foi un choque de emocións porque estaba indo a Eurovisión cunha canción que non quería. Con todo, aí entraron as persoas coas que levo traballando tantos anos, quen me axudaron a afrontar a situación como un momento máis da miña carreira e que non ía supoñer o declive de todo o que fixera, pasase o que pasase en Eurovisión. Doulle grazas á vida por terme rodeado e seguir rodeada de xente que velou e vela por min; non é doado atopala hoxe en día. Dicíanme que Eurovisión ía ser unha gran experiencia para min, que me abriría portas, e así foi. De feito, sigo actuando todos os anos en distintas festas de Europa; o público eurofán é moi fiel. Todo depende de como encares as cousas, e neste caso tiven a gran sorte de que as persoas que tiña ao meu lado me levaron polo bo camiño.
P: Se tiveras un encontro coa Lucía Pérez de hai 20 anos, que iniciaba a súa andaina no mundo da música, que lle dirías? Como sería esa reconexión co teu eu do pasado?
R: Diríalle que non é un camiño fácil, pero que nesta vida vivimos para ser felices; é o maior propósito que temos, e se algo che gusta, tes que facelo. A música forma parte da miña vida desde que teño uso de razón: cantaba nas festas do pobo ou na casa da miña avoa, e case tarareaba antes de aprender a falar. A música sempre estivo dentro de min. Á Lucía de hai 20 anos diríalle que non é un camiño fácil, pero que ten detalles tan fermosos que fan que todo se esqueza. Os ingredientes fundamentais para chegar ata aquí son traballar, ser constante e rodearse dun bo equipo.
P: O 29 de xaneiro saíu á luz o teu novo single «Porque no», un himno de reafirmación persoal e a promesa de futuro dunha muller que non pide permiso, que segue adiante sendo ela, sen filtros e sen medos. Por que é importante manter os principios e ser fiel a un mesmo na industria musical, sobre todo sendo unha muller nun mundo eminentemente masculino?
R: O máis difícil é manter a esencia no mundo no que estamos. A música cambiou tanto, vai a unha velocidade que programa a obsolescencia das tendencias cada vez máis rápido. Hai que ter o foco en unha mesma, porque cando se perde, corres o risco de perder a esencia. É verdade que estamos en tempos nos que as novas fusións ou sons evolucionan coa sociedade, e se queremos estar aí, temos que incluír eses cambios na nosa esencia, pero é fundamental ter claro o núcleo do estilo persoal. Todos estes anos de carreira servíronme para decatarme do que non quero facer. Os 40 están a darme moitas cousas boas; por iso esta canción me representa ao cen por cen. É un tema moi eu, que exemplifica o momento no que estou e o momento de muller no que me atopo. Como ti dis, nun mundo moi masculino como é o da música —aínda que afortunadamente na miña banda xa teño dúas mulleres músicas— estamos atopando novos camiños, e iso encántame. Esta canción é unha reafirmación persoal, a favor de min mesma. Non falo de facelo perfecto, senón de facelo de verdade e dicir o que sinto, algo que hai uns anos dicía coa boquiña pequena e que agora me atrevo a expresar. Isto é o que temos que transmitir ás novas xeracións, ás mulleres, e a música é un dos mellores vehículos para trasladar mensaxes que aínda faltan na sociedade.
P: Este lanzamento acompaña varios singles que publicaches ao longo do último ano. Aínda que vivimos na época do sinxelo, quería preguntarche se esta deriva reivindicativa continuará cara a un proxecto máis grande que reforce a mensaxe de Porque non, ou se vas seguir publicando singles con certa periodicidade.
R: Efectivamente, publicamos sete singles nas plataformas dixitais, con algunhas colaboracións con artistas portugueses. De feito, temos tres concertos pechados en Portugal, e é un mercado moi atractivo que queremos investigar e gozar. É certo que me gustaría plasmar todas estas cancións nun disco, pero probablemente fagamos un disco a modo de colección, porque agora a música consúmese doutra maneira. Aínda así, segue habendo xente que goza collendo o libreto, vendo as fotos, lendo as letras, as autorías, a produción… Así que si, gustaríame pechar o próximo ano cun disco que reúna todas estas últimas cancións. Por outra banda, estamos preparando unha xira bonita de verán; os concertos son o que nos dá de comer e a fonte de vitaminas de todo artista. Estou moi ilusionada coa xira, cos meus músicos, e esperamos dar que falar e dar que gozar, porque a música está feita para gozar e espertar emocións. •



