Cun aumento notable da obra nova e da rehabilitación, o Concello tramitou en 2025 un total de 609 expedientes, un 12,7 % máis ca no exercicio anterior

O Concello de Monforte rexistrou ao longo do ano 2025 un incremento significativo da actividade urbanística, cun total de 609 expedientes tramitados polos servizos municipais, entre licenzas de obra, comunicacións previas e informes. A cifra supón 69 expedientes máis ca no ano anterior, o que representa unha suba global do 12,7 %. O alcalde, José Tomé Roca, destacou que esta evolución confirma unha tendencia positiva vinculada ao movemento económico da cidade e á xeración de emprego asociado ao sector da construción.
Segundo os datos recollidos no balance anual, o número de actuacións relacionadas coa obra nova experimentou un crecemento destacado. Durante o pasado exercicio autorizáronse 23 expedientes deste tipo, fronte aos 16 rexistrados en 2024, o que se traduce nun aumento do 43,75 %. A maior parte destas intervencións corresponden a edificacións de nova planta, ás que se suman tres naves de gran tamaño localizadas tanto no polígono industrial como en explotacións gandeiras do municipio.
Especial relevancia tivo tamén o apartado de rehabilitación integral, que foi o que amosou un maior incremento interanual. En total, aprobáronse 14 actuacións deste tipo ao longo de 2025, seis máis ca no exercicio precedente, o que supón unha suba do 75 %. A maioría destes proxectos sitúanse no centro histórico de Monforte, un ámbito no que o Concello vén impulsando diferentes liñas de apoio á recuperación do patrimonio edificado.
Neste contexto, o goberno local subliña a incidencia dos programas de axudas á rexeneración e renovación urbana, aos que Monforte está adherido mediante convenios con outras administracións. Ao longo do ano tamén se mantiveron activas varias fases de intervención na Área de Rehabilitación Integral do Conxunto Histórico e Zonas de Respecto, que suman decenas de actuacións en distintos inmobles. Ademais, a finais de decembro pechouse unha nova convocatoria de axudas financiadas con fondos europeos Next Generation, dirixida a actuacións a nivel de barrio no mesmo ámbito urbano.
No relativo ás reformas, o número de expedientes mantívose practicamente estable, cun total de 303 tramitacións, unha cifra moi semellante á do ano anterior. Este apartado inclúe intervencións tanto en interiores como en exteriores, como melloras en vivendas, fachadas, instalacións de ascensores ou colocación de paneis fotovoltaicos. Pola súa banda, as obras menores exteriores rexistraron un incremento máis acusado, pasando de 106 actuacións en 2024 a 159 en 2025, o que supón un aumento do 50 %. Trátase, principalmente, de peches, accesos a parcelas, alpendres ou invernadoiros.
No caso dos informes urbanísticos, realizáronse 110 ao longo do exercicio, dous máis ca no ano anterior. Este tipo de expedientes inclúe, entre outros, certificados urbanísticos, ordes de execución ou segregacións de parcelas. O balance global reflicte a especial incidencia das políticas de rehabilitación no conxunto histórico da cidade.•



