O programa de música tradicional contará con 295.000 euros e levará actuacións por todas as comarcas da provincia

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo presentou a nova edición de Tradigalu, o programa que promove a difusión da música popular e tradicional en distintos puntos da provincia. A área de Cultura destina 295.000 euros á iniciativa, que pretende reforzar a presenza da música tradicional nas programacións culturais e apoiar ás asociacións locais.
A deputada de Cultura, Iria Castro, destacou que “en 2025, Tradigalu permitiu programar máis de 300 actuacións, consolidándose como unha das principais vías de apoio á actividade de asociacións veciñais e culturais en parroquias e concellos de toda a provincia e tamén un soporte importante para o tecido asociativo da música tradicional”. Segundo subliñou, a iniciativa xera recursos que contribúen a manter a actividade de decenas de agrupacións que participan habitualmente no programa.
As asociacións e colectivos interesados poden xa solicitar actuacións seguindo as indicacións dispoñibles na páxina web cultura.deputacionlugo.gal. A Deputación asumirá o 80 % do custo das actuacións, mentres que as asociacións e concellos aboarán o 20 % restante.
Na confección do calendario de actuacións, búscase chegar a todas as comarcas, evitando a concentración en puntos concretos e prestando atención á conservación e fomento das tradicións musicais de Lugo.•



