O pleno de Monforte aproba o salario de José Tomé nun ambiente de forte crispación política

O alcalde, agora non adscrito logo da denuncia por presunto acoso sexual, obtén o apoio dos edís socialistas para fixar unha retribución anual de 62.555 euros, fronte ao rexeitamento frontal de PP, BNG e Esperta Monforte

Durante o pleno de xaneiro debatiuse a dedicación exclusiva e a nova retribución do alcalde no Concello de Monforte. Foto Arquivo

O pleno celebrado no Concello de Monforte de Lemos o pasado 26 de xaneiro de 2026 estivo marcado por unha notable tensión política e moita expectación. O punto máis controvertido da orde do día foi, sen dúbida, a ratificación do decreto de dedicación exclusiva e o novo salario do alcalde José Tomé, quen continúa á fronte da alcaldía como concelleiro non adscrito, despois de abandonar o PSOE e dimitir como presidente da Deputación de Lugo tras facerse pública unha denuncia por un presunto caso de acoso sexual.

UN PLENO MOI DIVIDIDO
A votación do Punto 2, relativo á dedicación exclusiva do rexedor e á actualización das dietas pola asistencia a órganos colexiados, evidenciou a fractura na corporación. A proposta saíu adiante grazas aos nove votos favorables do grupo socialista —incluíndo o do propio alcalde— fronte ao rexeitamento conxunto de PP, BNG e Esperta Monforte (sete votos).
A decisión supón que José Tomé percibirá 62.555 euros brutos anuais como alcalde con dedicación exclusiva, unha cifra que se axusta —segundo informou a Secretaría Xeral— aos límites establecidos pola Lei de Orzamentos Xerais do Estado para concellos de entre 15.001 e 20.000 habitantes. O alcalde quixo subliñar, ademais, que este salario é 17.423 euros inferior ao que percibiría de continuar á fronte da Deputación de Lugo, onde a retribución prevista para 2026 ascendía a 79.978 euros.

A OPOSICIÓN CRITÍCA O MOMENTO POLÍTICO
A crítica máis contundente veu do Partido Popular, que denunciou que Tomé pretendía “impoñerse un soldo” tras perder a retribución provincial ao dimitir pola denuncia interna de presunto acoso sexual. A voceira popular, Katy Varela, considerou que, dadas as circunstancias, “o ético sería dimitir” e non aprobar unha retribución que, ao seu xuízo, resulta “inapropiada e unilateral”. Tamén acusou o alcalde de tentar “comprar o silencio” de concelleiros socialistas e parte da oposición mediante o incremento das dietas por asistencia, que pasan de 150 a 200 euros por sesión.
Pola súa parte, Esperta Monforte advertiu do impacto orzamentario da modificación, lembrando que os presupostos de 2026, aprobados en novembro, destinaban 142.000 euros ás retribucións dos dous tenentes de alcalde e deixaban sen uso outros 42.000 euros. A formación defende que o cambio de imputación orzamentaria —que eleva o custo total ata arredor de 85.000 euros sumando cotizacións sociais— altera de maneira significativa a planificación económica inicial.
O BNG, pola súa banda, insistiu en que os veciños “non deben asumir cos seus impostos os efectos dunha situación xerada pola mala xestión persoal e política do alcalde”, cuestionando tamén o incremento das asignacións por asistencia a órganos colexiados.

A defensa
de José Tomé ROCA
Durante a sesión, José Tomé acusou a oposición de “mentir deliberadamente” sobre as cifras da súa retribución. Defendeu que o salario aprobado é o que permite a normativa estatal e insistiu en que é sensiblemente inferior ao que viña percibindo como presidente da Deputación. Tamén reiterou, unha vez máis, a súa inocencia fronte ás acusacións de acoso sexual, que cualificou de “falsas” e produto de “intereses partidistas e de fogo amigo”, insistindo en que “todo se aclarará e alguén será responsable desta gran mentira”. A primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, foi especialmente dura nas súas intervencións, chegando a cualificar de “mentirosa” á voceira popular e cuestionando mesmo o seu labor e a súa retribución como parlamentaria autonómica.

CRISPACIÓN POLÍTICA
A sesión, seguida con especial atención tanto polos grupos políticos como polos veciños, amosou unha corporación completamente dividida entre quen continúa arroupando ao alcalde —os nove concelleiros socialistas que seguen apoiándoo malia a súa saída do partido— e unha oposición que presenta unha fronte común para denunciar o que consideran un uso inadecuado dos recursos públicos.
A crispación acumulada nas últimas semanas en Monforte, intensificada pola crise política derivada das denuncias internas no PSOE por presunto acoso sexual e pola posterior saída de Tomé do partido e da Deputación, volveu facerse evidente nesta sesión, na que cada intervención contribuíu a elevar o ton político e a polarizar aínda máis a corporación.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Club Neka de Monforte, campión absoluto galego de Técnica e Freestyle

Seguinte Nova

A Deputación de Lugo reforza en Fitur a proxección da Ribeira Sacra e da provincia como destino sostible

Últimas noticias sobre PORTADA

Entrevista a Lucía Pérez

Cantante e compositora oriúnda do Incio, Lucía Pérez proclama a liberdade de ser sen pedir permiso á sociedade no seu último sinxelo,

A forza das tradicións populares

A estrea de “Rondallas” confirmou os prognósticos: o novo traballo de Daniel Sánchez Arévalo converteuse nun fenómeno de taquilla en Galicia, cunha
Ir aInicio

Don't Miss