
A Ruta do Viño Ribeira Sacra iniciou a súa campaña de inverno cunha resposta que superou as expectativas, logo de que os dous primeiros eventos celebrados o pasado sábado colgasen o cartel de completo. A programación, concibida para mostrar o territorio nunha época menos habitual para o enoturismo, apostou por experiencias que combinan patrimonio, música e gastronomía, cunha forte presenza da identidade local. As actividades desenvolveron dúas propostas diferenciadas: unha centrada na viña e outra no interior dunha adega, ambas pensadas para ofrecer unha aproximación máis sensorial ao mundo do viño.
En Chantada, Vía Romana acolleu un percorrido polo viñedo baixo o título “O inverno que a viña conta”, no que os participantes puideron achegarse ás tarefas propias desta época, como a poda ou o atado con vimbios. A xornada estivo marcada pola aparición inesperada dos volantes e maragatos do Entroido Ribeirao, que atravesaron as leiras evocando os rituais tradicionais cos que, en lugares como Santiago de Arriba, se busca protexer as colleitas e garantir a fertilidade da terra. A visita completouse cunha degustación de produtos artesáns da contorna, un caldo de ósos de Taboada e unha cata de cinco viños da adega. O apartado musical incluíu un canto de arriero interpretado por Sabela Rey e o concerto final de Mallou, dentro do seu repertorio “Cantares da Terra”.
Pola súa banda, Adega Vella, na Teixeira, ofreceu unha proposta máis centrada no espazo interior da bodega, baixo o nome “Escaparate de sabores e sons”. O público percorreu as distintas estancias acompañado de pequenas intervencións musicais a cargo de Pablo Sanmamed, ao contrabaixo, e Benxamín Otero, ao corno inglés e á caixa de música. A actividade incluíu tamén unha mostra de produtos alimentarios da zona e unha cata de seis viños premium elaborados pola adega. O peche correu a cargo do trío de jazz liderado por Sanmamed, que completou unha experiencia pensada para destacar a singularidade do territorio.
A organización da Ruta do Viño Ribeira Sacra salientou que estes dous primeiros encontros confirman “a potencialidade do inverno como época para descubrir a comarca” e a calidade das entidades adheridas. A boa acollida da campaña reforza, ademais, o papel da Ribeira Sacra como destino enoturístico de referencia, cunha programación que combina tradición, paisaxe e cultura.•



