As viaxes manterán as dúas rutas, a do Canón do Sil e a do Cabo do Mundo, e permitirán descubrir a Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio Mundial da UNESCO

A Deputación de Lugo abriu o sistema de reservas para participar a nas rutas fluviais pola Ribeira Sacra, que iniciarán a tempada o 19 de marzo e se estenderán ata a ponte de decembro. As travesías manterán os dous percorridos tradicionais, un polo Canón do Sil e outro polo Cabo do Mundo, convertidos xa nun dos principais reclamos turísticos da provincia. As reservas deberán formalizarse unicamente a través da plataforma reservas.rutasembalses.es, dispoñible as 24 horas e que permite consultar horarios, tarifas e dispoñibilidade, ademais de modificar ou cancelar billetes. A institución lembra que non se admiten solicitudes por teléfono nin por correo electrónico.
O interese polas rutas continúa en aumento, despois dun 2024 no que preto de 60.000 persoas participaron nestas viaxes que ofrecen unha visión diferente da paisaxe e do patrimonio da Ribeira Sacra. O sistema incorpora descontos para mozos, estudantes, persoas xubiladas, desempregadas e familias numerosas, mentres que os menores de 3 anos viaxan de balde. Para consultas, a Deputación manterá operativos os canais de atención en horario de mañá, ampliándose a partir do 17 de marzo.
A tempada contará con diferentes frecuencias segundo o mes, con saídas desde os embarcadoiros de Monforte e Belesar e capacidade distribuída entre os catamaráns Mencía, Canón do Sil e Pelegrín. A programación inclúe reforzos en Semana Santa, tempada alta no verán e servizo reducido nos meses finais do ano, adaptándos ás condicións propias de cada período.•



