Antonio Lombardía trasladou en Madrid as dificultades das pequenas denominacións para acceder aos fondos da OCM

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra participou o 6 de febreiro nunha reunión convocada polo Ministerio de Agricultura coa presenza das principais denominacións vitivinícolas. O encontro serviu para analizar a situación internacional do sector, a evolución dos mercados e os acordos comerciais que a Unión Europea mantén en negociación, entre eles o pacto con Mercosur e as conversas abertas con India e Indonesia. O Ministerio expuxo tamén as liñas de promoción exterior do viño español e o funcionamento das axudas da Organización Común de Mercados destinadas a apoiar accións en países terceiros.
Neste contexto, o presidente da DO Ribeira Sacra, Antonio Lombardía, interveu como representante das pequenas denominacións e trasladou ao ministro a necesidade de modificar os procedementos actuais. Segundo indicou, a complexidade administrativa destas subvencións “dificulta que as pequenas DO poidan beneficiarse dos fondos destinados á promoción internacional”. Lombardía insistiu en que “é fundamental a simplificación administrativa das axudas para poder estar presentes en países terceiros e así mellorar os datos de exportación”.
O ministro comprometeuse a ter en conta esta petición no proceso de adaptación do paquete do viño á normativa estatal. A participación da DO Ribeira Sacra neste encontro forma parte do seu labor de seguimento das políticas que afectan ao sector, para defender os intereses das adegas e viticultores e garantir condicións equitativas entre territorios.•



