Galicia reforza a capacidade de anticipación e adaptación a fenómenos extremos

Ángeles Vázquez subliña que a nova Lei do Clima permitirá que a Galicia acade a neutralidade en emisións en 2040, dez anos antes que España e Europa

Necesítanse mecanismos de colaboración que permitan combinar as competencias de MeteoGalicia coas da Axencia Estatal de Meteoroloxía para prestar un servizo de máxima calidade e coordinar a emisión dos avisos. Foto METEOSAT.

A Lei do clima de Galicia está xa lista para a súa aprobación definitiva no Parlamento, feito que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático presenta como un punto de inflexión na resposta fronte ao quecemento global. A titular do departamento, Ángeles Vázquez, defendeu que a nova norma reforzará a capacidade de anticipación ante episodios extremos e marcará unha folla de ruta para adaptar servizos e infraestruturas a un escenario climático máis esixente. O texto fixa como meta que Galicia acade a neutralidade en emisións no 2040, unha década por diante dos prazos estatais e europeos.
Na súa intervención previa á votación, Vázquez subliñou o carácter pioneiro do marco legal, ao ser a primeira lei autonómica desta materia que chega á Cámara galega. A conselleira apuntou que o articulado permitirá mellorar a preparación fronte a fenómenos como inundacións, períodos de seca ou borrascas intensas —citou as recentes Harry, Ingrid ou Joseph—, e que a norma facilitará tanto a xestión das súas consecuencias como a prestación de servizos á cidadanía en condicións de seguridade.
O texto incorpora ferramentas para a gobernanza climática e aposta por proxeccións específicas para o país, elaboradas “por e para Galicia”, con información accesible orientada á toma de decisións. Prevese impulsar a sensibilización e a educación, promover a investigación aplicada e reforzar os servizos meteorolóxicos e a calidade do aire. Neste punto, a conselleira pediu mecanismos de colaboración que combinen as competencias de MeteoGalicia e da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) mediante un acordo de cooperación. Ese pacto, explicou, debería coordinar a emisión de avisos, planificar conxuntamente novas infraestruturas e compartir en tempo real os datos das redes de observación.
A tramitación virá acompañada do respaldo económico do II Plan rexional integrado de enerxía e clima 2030, que a Xunta cifra en 1.800 millóns de euros e máis de 90 medidas. Nese programa enmárcanse actuacións para recortar emisións e de adaptación, con atención a ámbitos como a xestión da auga, o litoral, o monte, a saúde pública ou a mobilidade. Vázquez incidiu en que a normativa é transversal, “feita desde o rigor” e participada, avalada polo coñecemento técnico da Fundación Universidade da Coruña.
A responsable de Medio Ambiente sinalou que o obxectivo é dispor dun esquema estable e previsíbel, con indicadores para avaliar resultados e corrixir desviacións. Defendeu a utilidade dun marco que dea coherencia ás políticas sectoriais e sirva de referencia para concellos, empresas e entidades sociais, integrando a acción climática na planificación ordinaria. “Votar en contra é ignorar o quecemento global e votar a favor é seguir construíndo un futuro máis verde”, afirmou.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A DO Ribeira Sacra participa nunha reunión sobre o contexto internacional do sector vitivinícola

Seguinte Nova

Xaneiro deixa en Galicia case o dobre de choiva do habitual

Últimas noticias sobre MEDIO AMBIENTE

Ir aInicio

Don't Miss