O plan abarca 1,4 km entre o Hórreo e a LU‑617, con novas beirarrúas, aparcamento, arborado e rotondas ampliadas

A Alcaldía de Monforte presentou a pasada semana o anteproxecto de reforma e ampliación da rúa Chantada, un dos accesos principais á cidade. O rexedor, José Tomé Roca, xunto á tenente de alcalde, Gloria Prada, e ao concelleiro José Luis Losada, debullou alcance, prazos e investimento dunha intervención considerada prioritaria. Ao ser un vial autonómico, a proposta foi trasladada á Consellería de Infraestruturas.
O documento delimita 1.400 metros entre a rotonda do Hórreo e a ligazón co corredor LU‑617, nun eixo que concentra tráfico procedente de O Saviñao e Chantada e das conexións cara a Lugo e a Meseta. No trazado conviven usos residenciais, comerciais e dotacionais: o CEIP A Gándara, o cemiterio e tanatorios, unha área empresarial, a Cooperativa Lemos, o hospital e grandes superficies.
O deseño transforma a sección de dous carrís en dobre calzada con catro carrísseparados por mediana de un metro. Engádense beirarrúas en ambos lados, prazas de estacionamento en liña ou en batería e arborado continuo, con novo alumeado (columnas de dez metros e luminarias led). Tamén se renovarán saneamento, sumidoiros e abastecemento.
Prevese ampliar e recentrar as rotondas do cemiterio e da rúa María Paz de Tor, que pasarán a 32 metros de diámetro exterior e 11 de interior, para mellorar fluidez e manobras. As calzadas levarán aglomerado en quente e as beirarrúas baldosa de formigón; incluirase sinalización horizontal e vertical segundo normativa. No treito final, á esquerda do sentido de saída, protexerase unha canaleta de regadío con varanda.
José Tomé: “O óptimo neste caso é unha vía con dobre calzada, aparcamentos e beirarrúas. Confiamos, polo tanto, en que a Consellería de Infraestruturas atenda esta demanda e dea os pasos que ten que dar para que Monforte conte cun acceso adecuado nesta estrada”
O orzamento ascende a 2.586.847,37 euros e inclúe actuacións preparatorias, instalacións, peches, mobiliario e axardinamento. O prazo estimado é de seis meses desde a adxudicación e a acta de replanteo. Para acadar os novos anchos prevese expropiar parcelas e demoler peches que invaden a beirarrúa, así como unha edificación en planta baixa situada sobre o aliñamento; rematada a obra, reporanse peches e accesos.
Segundo o Concello, a actuación responde á alta intensidade de tráfico, motorizado e peonil, en especial no arranque máis próximo ao núcleo comercial e dotacional. A remodelación busca aumentar capacidade, ordenar fluxos e crear itinerarios peonís seguros, incorporando criterios de humanización con arborado, beirarrúas máis amplas e puntos de estadía.
O documento incorpora criterios de accesibilidade, reservas de carga e descarga en zonas de actividade e pasos peonís sobreelevados. O proxecto de construción detallará a planificación por fases, a xestión do tráfico durante as obras e a coordinación cos servizos existentes.
A Alcaldía remitiralle o anteproxecto á Consellería de Infraestruturas para o seu estudo. Superados os trámites, aspírase a licitar e executar a obra nos prazos anunciados, reforzando a conexión coa rede viaria principal, o acceso a equipamentos e a imaxe da entrada oeste de Monforte, compatibilizando mobilidade e seguranza nun eixo estratéxico para a comarca.
Monforte inicia os trámites para renovar o contrato da xestión da auga
A Xunta de Goberno Local de Monforte aprobou contratar unha consultora que redactará a documentación para renovar o contrato de xestión do ciclo integral da auga. O alcalde, José Tomé Roca, explicou ao remate da sesión que estes traballos servirán para definir o novo modelo dun servizo que presta Aqualia desde 2001 e cuxo contrato remata en xullo de 2026, tras 25 anos de vixencia.
Segundo indicou o rexedor, a empresa externa elaborará o expediente da licitación, que abranguerá o abastecemento de auga potable, o saneamento, os sumidoiros e a depuración. “Estamos ante un contrato de gran envergadura que require persoal técnico con experiencia”, sinalou, e confirmou que o Goberno local non prevé prórrogas e prevé licitar o novo contrato no segundo semestre deste ano.
Os traballos incluirán un estudo de viabilidade económico-financeira e a memoria xustificativa do procedemento.•



