O presuposto aprobado para este ano, que medra respecto ao exercicio anterior, ascende aos 9.733.660€, e inclúe incrementos en ingresos estatais e programas sociais

O Concello de Chantada aprobou o orzamento municipal destinado para 2026, que ascende a 9.733.660 euros, unha cifra superior á do exercicio previo, que chegara ata os 9.400.000€. O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, destacou que as contas non presentan déficit inicial e que se elaboraron con criterios “realistas”, atendendo ás previsións de recadación e ás achegas doutras administracións.
As transferencias correntes superan os cinco millóns de euros, mentres que os impostos directos achegan 2,6 millóns. En gastos, os servizos municipais absorben a maior parte do orzamento, con 4,47 millóns destinados a bens e servizos e 3,7 millóns para persoal, partida que experimenta un notable incremento respecto ao ano anterior. O novo programa de orzamento repercute nun reforzo para cuestións sociais como o emprego ou a igualdade. •



