
O PSdeG de Sarria denuncia a situación na residencia Nosa Señora do Carme tras quedar o persoal sen cobrar por primeira vez. O grupo fala de “unha situación sen precedentes” e atribúe o ocorrido á falta de planificación. O voceiro, Benxamín Escontrela, liga o problema ao Plan Económico-Financeiro aprobado polo concello tras incumprir a regra de gasto.
Os socialistas rexeitan as explicacións do alcalde, Claudio Garrido, e critican que se apunte ás baixas laborais como causa do déficit. “É indecente que case se lles bote a culpa ás traballadoras por estar de baixa”, din, lembrando expedientes disciplinarios que, ao seu xuízo, xeran “rancor e medo”.
No pleno, denuncian que o rexedor vetase unha moción sobre o “Acordo para o desenvolvemento estratéxico de Sarria”, subscrito en setembro entre Camiña Sarria e PP. O PSdeG fala de “censura política” e pide transparencia sobre contidos e execución das quince actuacións.
O grupo sostén que non hai prazos nin contías e que varias medidas dependerían doutras administracións. Anuncian que volverán levala a pleno para o seu control. Na mesma sesión aprobouse outra moción do PSdeG para equiparar os tempos de intervención do alcalde aos dos demais voceiros.
Sobre a residencia, o PSdeG esixe solución inmediata para pagar as nóminas e asumir responsabilidades. “Garrido non pode seguir gobernando a base de escusas”, conclúe Benxamín Escontrela, quen reclama rendición de contas sobre as decisións que afectan ao día a día e ao futuro do concello de Sarria.•



