
Sarria foi escenario dunha sesión formativa do programa estatal “A Administración Cerca de Ti”, organizada na Biblioteca Pública Municipal Camilo Gonsar co obxectivo de achegar a Administración á cidadanía, especialmente no rual . A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, participou no encontro e subliñou que a iniciativa reflicte “o compromiso do Goberno por garantir que todas as persoas, vivan onde vivan, teñan acceso aos mesmos recursos e servizos públicos”.
Durante a xornada, persoal da Administración desprazouse ata a localidade para orientar aos veciños sobre o uso de ferramentas dixitais, resolver dúbidas e facilitar a realización de trámites esenciais, como a obtención do certificado dixital ou o acceso ao sistema Cl@ve. López salientou que a capacitación dixital é esencial nun contexto no que cada vez máis procedementos administrativos se realizan de forma telemática.
A subdelegada valorou estas iniciativas en provincias como Lugo, caracterizadas pola dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación. “Achegar estes servizos ao rural é fundamental para fortalecer a cohesión territorial, reducir a fenda dixital”, indicou. Trátase de avanzar cara a unha relación máis directa, moderna e próxima coa cidadanía, combinando información, formación e acompañamento no acceso aos servizos públicos.•



