
Sarria acolleu a XVIII edición da Festa do Cocido do Porco Celta, unha xornada que reuniu arredor de 700 persoas e que se consolidou como referente gastronómico e social na comarca. A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, destacou o labor conxunto de criadores, asociacións como Asoporcel e pequenas explotacións familiares, subliñando que esta raza “é sinónimo de calidade, tradición e futuro”. No acto tamén participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o alcalde de Sarria, Claudio Garrido.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo reforzou o seu apoio á cita coa achega de 10.000 euros, dentro dun convenio de colaboración máis amplo co matadoiro municipal, que recibe 50.000 euros para manter a xestión pública. Segundo Efrén Castro, vicepresidente da Deputación, a iniciativa busca impulsar o sector gandeiro e a valorización dos produtos locais de calidade.
Durante a xornada, os asistentes puideron degustar cocido elaborado con chourizos, lacón, butelo, espinazo e cachola de Porco Celta.•



