Haberá un premio á música en directo para os que participen durante o desfile e o concurso infantil incrementa os galardóns

A programación do Entroido de Sober terá o seu día grande o sábado 14 de febreiro coa celebración do XVIII Baile da Cachucha. As actividades comezaron xa o 5 de febreiro co xoves de Compadres e continuaon o día 12 co xoves de Comadres, mantendo así dúas das tradicións máis arraigadas no municipio.
O sábado 14, a festa arrancará ás 17.00 horas cun desfile de Entroido que partirá da Praza do Concello. Como novidade, nesta edición incorporarase un premio específico para a mellor música en directo, destinado aos grupos ou participantes que interpreten cancións ou toquen instrumentos durante o percorrido. Ademais, o Concello reserva a posibilidade de conceder accésits adicionais en cada categoría se o xurado o considera oportuno.
A programación continuará ás 18.00 horas no pavillón polideportivo, onde haberá música, inchables e diferentes xogos para o público infantil. Media hora despois, ás 19.30 horas, celebrarase o concurso de disfraces para nenos e nenas, unha das citas máis concorridas da tarde. A partir das 20.00 horas, os asistentes poderán participar nunha degustación gratuíta de cachucha e viño, un dos elementos gastronómicos máis característicos do Entroido soberino.
O Concello tamén fixo públicasas contías dos premios das distintas categorías. As comparsas recibirán 60 euros pola súa participación e optarán a galardóns de 400, 250, 150 e 100 euros. Nos grupos, a participación está dotada con 30 euros e os premios serán de 120, 100 e 90 euros. Para individuais e parellas establécense premios de 80, 60 e 50 euros. No concurso infantil, os grupos optarán a 80, 60 e 50 euros; as parellas a 60, 40 e 30 euros; e os participantes individuais a 40, 30 e 20 euros. Desde o Concello destacan que o obxectivo é ofrecer unha xornada festiva para todas as idades e manter viva unha tradición que cada ano reúne a numeroso público.•



