Enólogo de profesión e apaixoado do mundo do viño, Iván Olmedo aboga pola exclusividade e a calidade do producto como fortalezas da Ribeira Sacra

O enólogo chantadino Iván Olmedo foi recoñecido polo ilustre crítico de vinos Tim Atkin como Young Winemaker of the Year 2025, unha distinción pertencente á línea editorial da prestixiosa firma de Beth Willard. Tivemos a oportunidade de falar con él sobre a natureza da súa profesión e o potencial vitivínicola da Ribeira Sacra.
P: Quen é Iván Olmedo? Como te iniciaches no mundo do viño?
R: Eu nacín en Chantada, aquí na Ribeira Sacra, e a familia da miña nai tiña pequenas viñas coas que facían viño para a casa, polo que, desde pequeno, lembro que a viticultura, facer a vendima ou elaborar o viño na casa facían que o propio viño formase parte da cultura familiar.
Pola parte do meu pai, a miña familia paterna é de emigrantes andaluces en Cataluña, e curiosamente instalouse en Porrera, unha zona moi recoñecida a nivel internacional en canto á elaboración de viños, cunha viticultura moi extrema e similar á da Ribeira Sacra. Así que, por ambas partes da miña familia, estou vinculado ao mundo do viño, aínda que de novo non quería dedicarme a isto, quería facer outras cousas.
Porén, ao final acabei namorándome deste mundo precisamente vivindo en Tarragona, cando traballaba nun centro de investigación de viticultura e enoloxía, porque coñecín a parte máis interesante do mundo do viño. Coincidín con xente nova moi afeccionada ao viño, comezamos a facer catas e ceas maridaxe, e a partir de aí decateime de que quería dedicarme a isto.
P: Lograches a distinción de enólogo novo do ano no informe anual da páxina web do crítico de viños Tim Atkin, nun artigo asinado pola súa prestixiosa colaboradora Beth Willard. Que significa esta distinción para ti despois de tantos anos de traballo?
R: En primeiro lugar, cando me enterei disto, que foi a través dun amigo enólogo que me escribiu por WhatsApp, lóxicamente levei unha alegría grande, polo feito de que unha guía tan importante destaque o teu traballo entre todos os profesionais do sector en Galicia. É un orgullo, a nivel persoal e profesional.
Para min, este tipo de premios non son cen por cen para a persoa premiada, porque detrás sempre hai un equipo, un proxecto e unha traxectoria que depende de moitas persoas. Así que este recoñecemento é moi importante para min porque recoñece toda esa traxectoria e a todas as persoas que están detrás do premio, desde os meus compañeiros de viñas ata os propietarios de Finca Míllara pola confianza que depositan no proxecto.
Falamos dun proxecto cun investimento enorme e decidiron poñer toda a súa confianza en min, déronme as chaves da adega e a liberdade para elaborar os viños que entendo que teñen que representar este proxecto. É un premio que me fai moita ilusión e, dun xeito ou doutro, é compartido con todas as persoas que hai detrás.
P: Que variables ou condicións converten o viño da Ribeira Sacra nun dos mellores do mundo, en termos de calidade?
R: É unha afirmación un pouco complicada, porque, se ben é certo que os viños da Ribeira Sacra se están empezando a coñecer a nivel internacional, é perigoso pensalo así. Aínda que hai moi bos viños que chegaron a ese nivel, somos unha denominación de orixe moi nova.
A pesar de ter moitísimos anos de historia vitivinícola, a elaboración profesional de viños con enólogos e técnicos liderando proxectos é algo moi recente, sobre todo se o comparamos con outras denominacións de orixe de fama mundial que levan centos de anos dedicadas profesionalmente á venda do viño, á clasificación de viñedos e á construción dunha imaxe exclusiva e de calidade.
Aquí estamos iniciando ese proceso, porque 30 ou 40 anos é moi pouco tempo. Hai proxectos moi interesantes que están liderando este camiño e que se están codeando con viños de elite mundial, pero aínda non estamos no punto de dicir que a Ribeira Sacra é unha zona co prestixio que merece. Fáltanos moito traballo, seguir buscando produtos de calidade e perseguir a excelencia.
Desde o punto de vista técnico, o que a Ribeira Sacra pode ofrecer ao mercado é moi interesante, e o potencial é enorme, sempre que as cousas se fagan con sentido, tanto técnica como comercialmente. Temos que facer grandes viños que chamen a atención, e para iso temos que identificar as características e fortalezas dos nosos viñedos, e utilizar a ciencia que existe no mundo do viño para obter produtos da máxima calidade.
A Ribeira Sacra ten que ser unha zona exclusiva, de pequenas producións con gran valor engadido, buscando viñedos singulares, elaboracións con variedades minoritarias… O que nos pode facer fortes no mercado non é replicar fórmulas doutras zonas, intentando facer producións enormes e competir en prezo, senón buscar a nosa personalidade, aquilo que é máis inherente aos nosos viñedos, poñelo en valor e conseguir produtos de altísima calidade, que é perfectamente posible.
P: A enoloxía é a técnica de facer viño, pero exercela non é sinxelo: require coñecementos en campos tan diversos como microbioloxía, física, xenética ou mesmo márketing, e é un proceso tradicional que, aínda que cada vez máis tecnoloxizado, sempre terá unha parte artesanal. Pertences á xeración nova da enoloxía autonómica e estatal. Desde o teu punto de vista, existe relevo xeracional para este tipo de oficios? Desperta interese na xente nova a paciencia que require a produción de viño?
R: Confío nas novas xeracións, creo que se adaptarán ao mercado laboral e ao sector vitivinícola, pero non teño claro que sexa unha cuestión xeracional. Fálase moito da falta de afección ao viño entre a xente nova, sobre todo en canto ao consumo, e eu creo que é un erro, porque a mocidade nunca estivo dentro do sector do viño.
Este mundo, tanto profesional como de consumo, é un sector ao que se entra cando es un pouco máis maior. A xente non bebe viño con 18 anos, bebe cervexa ou outro tipo de bebidas, e cando os mozos saen do bacharelato e teñen que decidir que estudar, a non ser que lles veña de familia ou en casos moi puntuais, non é habitual que se decanten por Enoloxía.
É un sector ao que se accede cando se é un pouco máis maduro, a partir dos 25-30 anos. En todo caso, confío en que as novas xeracións traian cambios, novas visións e outra mentalidade. De feito, na miña xeración xa se observa outro enfoque na Enoloxía.
Viñamos dunha xeración formada nos anos oitenta e noventa moi centrada na tecnificación, mentres que a miña se dedicou a buscar a orixe, a poñer en valor cousas que hai un tempo non se tiñan en conta, como o viñedo ou as variedades tradicionais. Así que penso que, se seguimos nesta liña, as novas xeracións poderán achegar frescura e novedad.•



